Ángeles Vázquez reitera o papel dos máis novos como embaixadores do medio ambiente e convidounos a continuar realizando tarefas de sensibilización ambiental
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o compromiso da comunidade educativa co respecto e co coidado do medio ambiente, durante o acto de entrega dos premios Ecovoz en Cerceda.
Ángeles Vázquez felicitou aos colexios gañadores e cualificounos como exemplo da Galicia educada nos valores de respecto e compromiso coa protección do medio ambiente, que contribúe ao desenvolvemento sustentable e que mellora a calidade de vida presente e futura. “Somos afortunados de contar cuns centros e docentes plenamente comprometidos coa sostibilidade e cuns pais, nais e titores que apoian esta causa tan importante e valiosa”, aseverou a conselleira.
Nesa liña, a responsable autonómica reiterou o papel dos máis novos como embaixadores do medio ambiente e convidounos a continuar realizando tarefas de sensibilización ambiental de cara a reducir a produción de residuos, reutilizar ao máximo os produtos e separar correctamente os refugallos para garantir a súa reciclaxe.
Para concluír, Ángeles Vázquez pediulle ao alumnado que manteña no futuro as boas accións polo coidado do medio ambiente polas que hoxe foi galardoado e que as fagan extensibles ás súas familias para seguir a difundir os valores e a conciencia ecolóxica.