Friday 22 de November de 2024

Oito grupos encherán os dous escenarios do Rockin coa mellor oferta musical alternativa


Al Dual e Crudo Pimento, no Escenario Palmeira, e Tu futura ex mujer, To-Xo, Las Odio, Niña Coyote eta Chico Tornado, Guadalupe Plata e The Brosas, no Rego da Balsa

Aínda que a semana grande se celebrará do 21 ao 26 de xuño, o San Xoán alongarase ata a fin de semana seguinte, porque o 1 de xullo celébrase o Rockin e o 2, a Festa do Bosque, que nos introducirán tamén no Verán Cultural.

Este ano temos máis música e máis variada a nunca. Ademais das orquestras, as bandas e os grupos de gaiteiros que soarán durante o San Xoán, ou das diferentes propostas dos numerosos artistas galegos que pasarán este verán por Carballo, o festival que organiza a Concellaría de Mocidade achegaranos a mellor oferta de pop-rock alternativo. Aquí vai o programa do Rockin!

Escenario Palmeira
13.00 horas
Raúl Frutos e Inma Gómez puxeron en marcha aló polo ano 2012 Crudo Pimento, unha proposta que impacta no visual e no musical. Utilizan instrumentos de fabricación caseira, con afinacións imposibles e letras de impacto, e exhiben unha imaxinería na que conviven o blues do Mississippi, o mento antillano ou o folclore portorriqueño co black metal noruego ou o fandango onubense. Os seus últimos traballos discográficos foron Pantame, publicado no 2019, o disco de versións 7 acúfenos populares e o recente sinxelo A Kiko Veneno.

14.15 horas
Al Dual foi recoñecido no 2018 como o Mellor solista rockabilly do mundo e forma parte do Salón da Fama do Rockabilly. Telo en Carballo é todo un luxo. Pola súa voz marabillosa e o seu virtuosismo coa guitarra. De feito, é guitarrista oficial da mítica marca de guitarras eléctricas Gretsch. O seu último traballo, Reel to reel, soará no Escenario Palmeira.

Rego da Balsa
19.00 horas
Tu futura ex mujer é unha banda carballesa formada por Jaime (voz e guitarra), Manu Eirín (guitarra), Iago Pardiñas (baixo) e Dan Vecino (batería). Presentarán o seu novo disco, Novos millonarios.

19.45 horas
To-Xo ten as súas raíces na Costa da Morte. É unha banda que se move entre o rock duro, o rock urbano e combativo ou mesmo o heavy. En Carballo ofreceranos o seu potente e impactante directo

20.30 horas
Las Odio levan dende o 2015 petando con forza no mundo do indie e o rock de garaxe. Formada por Ágata Ahora (guitarra), Amanda Palma (batería), Paula JJ (voz e sintes) e Sonsoles Rodríguez (baixo) arrasan coas súas letras e o seu discurso feminista e xeracional.

21.30 horas
The Brosas deixáronnos tan abraiados no Xiria Pop do 2021 que tiñan que volver a Carballo. Combativos, reivindicativos, con cancións directas, intensas e contundentes que os converten nunha banda puramente Rockin.

23.00 horas
Niña Coyote eta Chico Tornado é un grupo de Donosti que leva anos arrasando en escenarios de Mexico ou Estados Unidos, e por suposto en España. Formado por Úrsula Strong (batería) e Koldo Soret (guitarra e voz), van marcar un antes e un despois no Rockin Carballo.

00.45
Guadalupe Plata regresaron este ano aos escenarios co seu sétimo álbum de estudio e coa súa formación orixinaria de dúo. Dende Úbeda (Jaén), o Rockin pechará a edición 2023 cunha banda que fusiona dun xeito moi persoal o blues co jazz, a psicodelia e o flamenco.