O Grupo Naturgy remitiu novas comunicacións ao Concello para informar que mañá e o venres deixará fóra de servizo unha serie de instalacións, o que podería provocar interrupcións no subministro eléctrico en varias zonas da cidade. A compañía indicou que a medida responde á necesidade de realizar traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica.
O novo corte programado para mañá será entre as 00.00 e as 02.00 horas, e afectará ás zonas de Campo da Lebre, Cañotas, estrada de Cedeira, Centro Vinte, Cuxia, estrada do Feal, O Feal, Lagoa de Fonmiña, As Lagoas e Río Seco.
Na xornada do venres 16 haberá tamén cortes no subministro eléctrico, segundo indicaron, de 00.00 a 02.00 na estrada de Castela, no número 289 e nos números 1 a 8 da praza de Tranvías; de 02.00 a 04.00 nas rúas da Garda (números 10 a 12 e 50), O Rosal (31, 33, 37, 40, 42, 45, 47 e 51) e Tui (números 17, 21, 22, e 24) e de 04.00 a 06.00 na rúa Baiona e no Camiño do Lodairo, Camiño do Pino, estrada de Castela, Murillo, O Rosal, Santa Tecla e Tui.
Dende a empresa solicítanse de antemán desculpas polas posibles molestias ocasionadas.