Friday 22 de November de 2024

Interrompidas temporalmente as obras do novo centro sociocomunitario de Igrexafeita


O Concello iniciou os trámites de resolución do contrato por incumprimento dos prazos de entrega

A adxudicataria, que só fixo unha parte dos traballos, reclamaba do consistorio varias modificacións no plan de execución argumentando “indefinicións” no proxecto

As obras de conversión da antiga escola de Igrexafeita nun centro sociocomunitario orientado á abordaxe do Alzhéimer encóntranse interrompidas desde hai algún tempo. E é que ao pouco de iniciar os traballos -a comezos deste ano-, a empresa adxudicataria, Covisam Norte, solicitoulle ao consistorio varias modificacións na obra argumentando “indefinicións” no proxecto que, ao seu xuízo, impedirían que o edificio cumprise coa súa función social. Cambios que o Concello non aceptou e que significaron a paralización da obra por parte da empresa, quen tamén pediu a rescisión do contrato e o pagamento dos traballos efectuados nos primeiros días de xaneiro, ademais da devolución do aval e a garantía. A este respecto, o Concello propuxo resolver o acordo tan pronto como se cumpriu o prazo máximo de entrega das obras, solicitando para iso un informe do Consello Consultivo de Galicia de cara a dirimir os termos da resolución do contrato.

O proxecto de rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita para reconvertela nun espazo sociocomunitario ascende a 285.535,80 euros. A Deputación da Coruña achegará 240.000, por medio dun convenio nominativo asinado a comezos de agosto pasado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e Secundino García. Os algo máis de 45.500 euros de diferenza serán asumidos polo Concello con fondos propios.

Trala licitación aberta, a execución adxudicóuselle á empresa Covisam Norte, quen asinou o preceptivo contrato o 28 de outubro cun prazo de execución máximo de tres meses contados a partir da sinatura da acta de comprobación do replanteo da obra, subscrita o 25 de novembro. De feito, catro días despois informabamos nesta mesma web da intención manifestada por responsables da empresa de deixar pasar as vacacións do Nadal e iniciar os traballos a primeiros de xaneiro.

Despois de montar andamiaxes e de comezar coas demolicións interiores, os traballos detivéronse xa antes do remate do propio mes de xaneiro. A principios de febreiro a empresa solicitou a modificación do proxecto para recoller novas partidas que incluísen traballos considerados fundamentais para a execución da obra, principalmente os referidos ás solucións para a envolvente e a execución do ascensor. Ademais tamén solicitou a suspensión das obras pendentes de facer.

Pola súa banda o Concello rexeitou as modificacións e instou á adxudicataria a que cumprise co contrato dentro de prazo, obtendo como contestación por parte da empresa un recurso de reposición solicitando a rescisión ou resolución do contrato, a devolución da garantía e do aval depositado e o pagamento da obra executada ata ese momento, ademais da parte proporcional das taxas pagadas pola sinatura do contrato.

O Concello non se pronunciou sobre este recurso -razón pola que a empresa acudiu ao Contencioso-Administrativo- e, en paralelo, solicitou informes da Deputación da Coruña que avalarían a suspensión do contrato sen dereito a devolución da garantía nin do aval. Con todo, a Administración propuxo o pagar os traballos efectivamente realizados, en base a unha valoración feita pola arquitecta municipal que a empresa non aceptou.

Unha vez finalizado o período de execución das obras sen avances, o Concello iniciou os trámites para resolver o contrato, solicitando para maior seguridade xurídica un informe do Consello Consultivo de Galicia sobre o procedemento que se seguiu nos últimos meses e sobre as condicións de finalización do contrato.

En espera do que ditamine o Consello Consultivo de Galicia, o alcalde en funcións, Secundino García, lamentou “os retrasos que se van producir na entrada en funcionamento dun servizo tan necesario como o que queremos poñer en marcha en Igrexafeita, orientado á veciñanza e tamén á prevención e seguimento de procesos de deterioramento cognitivo, ademais do apoio ás familias”. O rexedor agarda que “en breve” se poida continuar coas obras.