Saturday 16 de November de 2024

Feijóo subliña que todo o que o sector da alimentación animal invista en integrar a I+D+i repercutirá sobre o rendemento das exoplotacións gandeiras e sobre a calidade da industria agoalimentaria


Salienta que a calidade se presenta como un dobre obxectivo que hai que conseguir tanto en orixe como en destino

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que todo o que o sector da alimentación animal invista en integrar a I+D+i repercutirá sobre o rendemento das explotacións gandeiras e sobre a calidade da industria agroalimentaria. Así o recoñeceu no acto de clausura do IV Congreso de Alimentación Animal organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac).

O mandatario galego destacou que é importante que este sector aplique a innovación en cada un dos niveis da súa cadea de produción: no desenvolvemento de novos alimentos, nos procesos de transformación, nos programas de embalaxe, nos sistemas de redución de residuos e de control de procesos, ou na valorización dos produtos secundarios resultantes.

Segundo dixo, a máis innovación máis calidade. E a calidade, engadiu, preséntase como un dobre obxectivo que hai que conseguir tanto en orixe como en destino. En orixe, desenvolvendo produtos de alimentación animal e pensos coas mellores garantías de seguridade para surtir ao sector gandeiro. E, en destino, pensando no destinatario final que é o consumidor, quen adquire cada un dos produtos que a industria agroalimentaria leva ata o mercado.

Feijóo destacou os beneficios que achega a forraxe como fonte de alimentación natural para os animais; algo que desde a Xunga se está a promover nas explotacións, lembrou. Pero, ademais, precisou que nos pensos está o aporte extra de vitaminas e nutrientes que debe conter a comida que lle é subministrada aos animais.

Galicia, primeira produtora nacional de penso para gando bovino
Neste sentido, apuntou que España é o terceiro produtor de pensos tras Alemaña e Francia, cunha produción total en 2014 que superou os 30 millóns de toneladas (un 10,5% máis que en 2013). E, no caso de Galicia, sinalou que é a cuarta Comunidade en produción (con case 3 millóns de toneladas fabricadas en 2014), tras Cataluña, Aragón e Castela e León. E é, tamén, a primeira produtora nacional de pensos para gando bovino, posto que aquí xerouse o pasado ano o 20,4% (case 1,3 toneladas) do total producido no Estado.

O titular do Goberno galego indicou que a alimentación dos animais constitúe o principal custo das explotacións gandeiras e, por iso, dixo, é fundamental optimizar a produción e que esta sexa accesible. Nesta liña, salientou que o traballo de asociacións como Agafac, que integra 36 fábricas que controlan a maior parte da produción de pensos en Galicia.

Ao respecto, mencionou o programa aprobado por Agafac, o GMP Galicia Alimentos Seguros, ou o convenio asinado recentemente coa Consellería do Medio Rural para minimizar os riscos da aparición de encefalopatías esponxiformes transmisibles. Ese esforzo conxunto pola calidade, concluíu, asegura un produto final, tanto leiteiro como cárnico, de primeira orde.