Saturday 16 de November de 2024

A Xunta colabora na retirada de máis de 1.000 cangrexos americanos para controlar o impacto desta especie invasora sobre a biodiversidade autóctona


Ángeles Vázquez incide na importancia de levar a cabo actuacións de control para coñecer a bioloxía desta especie, a súa distribución no encoro e determinar as áreas nas que realizar os futuros descartes

A Xunta de Galicia colabora na retirada de máis de 1.000 cangrexos americanos no marco dos traballos que se están levando a cabo desde o ano 2022 para controlar o impacto que provoca esta especie exótica invasora sobre a biodiversidade autóctona, tal e como explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou ao encoro de Cecebre, situado na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Logo de subliñar que o cangrexo americano (Procambarus clarkii) é unha das especies exóticas invasoras “máis perigosas” que se detectaron na Comunidade, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de levar a cabo actuacións de control para coñecer a bioloxía desta especie, a súa distribución no encoro e determinar as áreas nas que realizar os descartes que están programados para os meses de xullos e agosto.

Entre as actuacións que se están realizando para acadar este obxectivo, cómpre salientar a retirada de exemplares a través da instalación de nasas, que se colocan a última hora da tarde con cebo e son recollidas á mañá seguinte tras unhas 17 horas na auga. Estas nasas instálanse logo de realizar unha mostraxe para detectar as áreas con maior densidade de cangrexos americanos.

O obxectivo é comprobar se con esta actuación se poden diminuír localmente as densidades da especie invasora e se esta redución ten un efecto apreciable na mellora das condicións das zonas onde se realizaron tales como a recuperación das poboacións de macroinvertebrados acuáticos (libeliñas) e de anfibios, a rexeneración da flora nas beiras do humidal e a atenuación dos efectos erosivos nas ribeiras.

A maiores, estase a traballar no deseño dunha estratexia de control para os vindeiros anos. De feito, xeorreferenciáronse aquelas zonas máis proclives a albergar poboacións de anfibios para realizar unha mellor selección das futuras zonas de traballo. E, ademais, está previsto analizar máis en profundidade o impacto da construción de galerías nas marxes do encoro xa que se teñen detectado zonas especialmente inestables pola súa presencia.