Saturday 16 de November de 2024

Arrancan as obras de renovación do abastecemento e de saneamento na concorrida rúa Xerardo Luaces


Esta vía de acceso ao centro de saúde do municipio péchase de forma provisional ao tráfico rodado

O Concello informa do inicio efectivo das obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento da rúa Xerardo Luaces. O arranque dos traballos obriga a cortar ao tráfico rodado, de forma provisional, unha das vías máis transitadas da localidade ao dar servizo ao centro de saúde do municipio e a lugares como Albarón, parte da Mourela Baixa, dos Castros e do Poulo.

As actuacións emprendidas afectan ao tramo de vía comprendido entre a estrada autonómica AC-115 e as instalacións sanitarias do municipio. Un treito duns 400 metros, no que a empresa GR Construcciones, Obras y Servicios SL vén de emprender as tarefas de demolición e escavación para instalar as novas conducións de polietileno do abastecemento de auga. Isto permitirá deixar atrás tubaxes de fibrocemento e outras que presentan avarías recorrentes. Con todo, a rede existente manterase en servizo ata o remate destas obras, garantindo así o subministro.

En paralelo, procederase ao cambio das canalizacións de saneamento deterioradas polo paso do tempo. Proxéctase a instalación de tubaxe de PVC e, para o correcto funcionamento desta rede de distribución, a instalación de 12 pozos de rexistro e realizar o entroncamento coa rede existente.

O Concello de Neda e a Deputación da Coruña cofinancian esta intervención na que se investirán un total de 175.139 euros. Trátase dunha obra esperada e importante pois dará solución definitiva ás frecuentes avarías que se producen na rede que abastece a esta zona, provocando cortes no subministro e continuas obras.

Dende o Concello piden de antemán desculpas aos veciños e veciñas da contorna afectada polas molestias derivadas das obras, se ben lembran que se trata dunha actuación moi demandada, que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Indican ademais que, con cargo ao Plan de Obras e Servizos do 2023, acometeranse proxectos complementarios para renovar as redes de servizos básicos no tramo desta estrada que falta ata alcanzar a Mourela e no Camiño do Carreiro.