— Subliña que Galicia é a terceira comunidade con máis recoñecementos e que unha de cada cinco praias españolas que conta con bandeira azul é galega
— Reciben este galardón un total de 113 praias, 12 portos deportivos e 14 centros azuis
— Resaltou “a importancia” destes distintivos como reclamo turístico e instou a “coidar entre todos” o “tesouro natural” que ten a comunidade
— Galicia recibiu un 19 % máis de visitantes no primeiro cuadrimestre do ano e bateu récord histórico de pernoctacións ao acadar as 2,3 millóns
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que as 139 bandeiras e distintivos azuis que recibe este ano Galicia acreditan o compromiso da comunidade coa conservación do patrimonio natural e consolídana como un referente do turismo seguro e sustentable. Durante a entrega dos distintivos deste ano, celebrada no concello coruñés de Arteixo, Rueda subliñou que Galicia “é a terceira comunidade con máis bandeiras azuis” e lembrou que “unha de cada cinco praias” con este distintivo en España é galega.
Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Logran por primeira vez este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Adro (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove). Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.
O presidente resaltou que conseguir e manter estes galardóns é un traballo conxunto “entre as administracións” e subliñou “a importancia” que teñen estes distintivos como reclamo turístico. “Nun mundo cada vez máis globalizado, onde a xente busca máis información á hora de elixir unha praia ou onde pasar as vacacións é moi importante contar con indicios fiables como son as bandeiras azuis”, indicou Rueda, quen lembrou que acadar esta distinción supón “un esforzo importante” para cumprir “cos criterios rigorosos” do proceso, pero “merece a pena”.
Rueda salientou que os galardóns hoxe entregados permiten consolidar Galicia como un destino seguro e sostible. “Temos un tesouro que coidar entre todos”, indicou o presidente, que subliñou que “Galicia está de moda e debemos traballar para que non sexa unha moda pasaxeira”. Nesta liña, instou a seguir mellorando as infraestruturas turísticas, os servizos portuarios e a garantir o pleno equilibrio entre a protección do medio ambiente e actividade socioeconómica como fai o Goberno galego a través da futura Lei de ordenación e xestión integrada do litoral.
Novo récord do sector turístico
O presidente lembrou que o ano pasado rexistráronse máximos históricos de turistas na comunidade e os últimos datos acreditan que a tendencia mantense neste 2023. No primeiro cuadrimestre chegaron 1,3 millóns de visitantes -un 19 % máis que no mesmo período de 2022- e bateuse récord histórico de pernotacións (2,3 millóns). Ademais, Galicia pechou maio co número de peregrinos máis alto acadado nunca nese mes: por riba dos 61.000, é dicir, case un 30 % máis que en maio de 2022.