Friday 22 de November de 2024

A nova convocatoria de Conecta Peme contará cun 25% máis de recursos que a anterior, converténdose na maior aposta da xunta pola innovación empresarial desde o inicio da crise


O presidente do Goberno galego apunta que esta terceira convocatoria estará dotada con máis de 25 millóns de euros e mobilizará preto de 40 millóns en 50 proxectos de innovación no que tomarán parte arredor de 200 pequenas e medianas empresas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha nova convocatoria do programa Conecta Peme que, dotada con máis de 25 millóns de euros, mobilizará preto de 40 millóns en 50 proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas galegas. Isto supón un incremento dos recursos de máis dun 25% con respecto á anterior convocatoria, a maior aposta do Goberno galego pola innovación empresarial desde o comezo da crise. Ademais, trátase tamén da primeira execución dos fondos europeos 2015-2020 en innovación.

Como lembrou o titular da Xunta, en materia de innovación, o Goberno galego conta tres liñas de actuación básicas: apoiar e fomentar, desde a Administración pública, a innovación; tentar atraer a emprendedores para que innoven en Galicia; e propiciar que os emprendedores galegos innoven tamén nas súas empresas e nos seus negocios.

Como exemplo dos dous primeiros obxectivos están o Programa Innova Saúde e as Univdades Mixas de Innovación. No que se refire ao emprendemento, Feijóo aludiu a Conecta Peme, que nas súas dúas primeiras edicións mobilizou preto de 46 millóns de euros para financiar 72 proxectos desenvolvidos por pemes e centros de innovación, axudando así a crear 500 postos de traballo.

Neste senso, o máximo responsable autonómico engadiu que, con esta terceira edición do Conecta Peme, búscase dar continuidade a eses logros. Así, no medio centenar de proxectos da terceira edición tomarán parte arredor de 200 pemes galegas, coa perspectiva de que na maior parte deles participen tamén centros tecnolóxicos e de investigación galegos.

As novidades desta convocatoria
Por outra banda, Feijóo indicou que, desde o punto de vista estratéxico, as principais novidades desta terceira edición son un maior aliñamento coas prioridades temáticas establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e o apoio por primeira vez a proxectos de innovación en organización e mellora de procesos, como reflicte a Axenda de Competitividade Galicia – Industrial 4.0.

Deste xeito, o Conecta Peme impulsará proxectos que supoñan unha importante innovación así como un alto impacto económico, polo que se valorará o novidoso das tecnoloxías xeradas, pero ademais, e moi especialmente, a súa capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.

Como detallou o presidente da Xunta, as iniciativas de colaboración serán desenvolvidas por un mínimo de dúas e un máximo de seis empresas, incorporándose nesta edición a posibilidade de incluír no consorcio a unha gran empresa, sempre que non supere a execución do 25% do total do orzamento. Ademais, as actuacións que impliquen a contratación de centros tecnolóxicos e de investigación galegos contarán cunha valoración adicional. Así mesmo, os proxectos terán que contar cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns e as axudas públicas poderán cubrir ata o 80% do total.

Por outra banda, a nova edición inclúe 20 medidas de simplificación e flexibilización da tramitación, atendendo á demanda das propias empresas de reducir os esforzos destinados ao procedemento administrativo.

Feijóo avanzou tamén que ao longo do mes de decembro celebraranse talleres prácticos en sete localidades para axudar as pemes a preparar as súas propostas coas máximas opcións de éxito.

En definitiva, segundo reiterou o presidente da Xunta, trátase de apoios para que as pemes mobilicen preto de 40 millóns de euros en medio centenar de proxectos de innovación, de xeito que tamén as pequenas e medianas empresas avancen neste eido, ao igual que o están facendo as empresas de maior tamaño a través das distintas convocatorias do programa Interconecta.