A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar este luns o proxecto construtivo da obra “Pavimentación dos lugares de Bar de Arriba e Bar de Abaixo e Rúa dos Asidros”, que conta cun orzamento estimado de 212.718,39 euros. Esta actuación ten por obxecto o acondicionamento dos viarios interiores destes tres núcleos rurais, mediante actuacións de pavimentación e de mellora das redes de abastecemento e de drenaxe asociadas.
En concreto, está previsto actuar sobre cinco viais, todos calzada de dobre sentido cun ancho variable que vai desde 1,87 metros a 4,47 metros. Os traballos contemplan a mellora e a adaptación do firme existente, cos obxectivos de mellorar a seguridade e a accesibilidade. Utilizaranse distintos tipos de firme: tratamento superficial nun dos viais, mestura bituminousa noutro, formigón en dous, e no que queda utilizarase nun tramo formigón e noutro mestura bituminosa.
As actuacións proxectadas compleméntanse coa mellora da rede de drenaxe existente. Procederase á limpeza das cunetas e dos elementos de drenaxe existentes e colocaranse, segundo contempla o proxecto, tubeiras-pasacunetas de PVC conectándoas coas evacuacións existentes.
O proxecto tamén inclúe a ampliación da rede de abastecemento existente, colocando tubeiras PEAD (Politileno de Alta Densidade) de 63, 75 e 90 milímtros de diámetro polas marxes dos viarios sobre os que se intervirá. Os condutos disporanse por terreos públicos, nas marxes dos viarios, tratando de minimizar as afeccións aos propios viarios e aos servizos existentes na zona. A maiores, instalarase un prisme en previsión de servizos para a zona, que constará de dúas tubeiras de PVC de 110 milímetros de diámetro, con arquetas cada 50 metros.