Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño tamén presentará alegacións contra o novo proxecto construtivo do parque eólico Moeche


Un dos muíños que se prevén instalar aféctalle aos núcleos de Vilanova e Mandrá, preto do límite co concello veciño

 

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou hai dous días o reinicio do período de exposición pública do proxecto do Parque Eólico Moeche, despois de que a súa promotora, Enel Green Power España, introducise nel múltiples modificacións para adaptalo aos requisitos ambientais e de separación tanto de vivendas como de elementos patrimoniais. Deste modo vólvese abrir un prazo de 30 días hábiles -até o 18 de xullo- para que as persoas interesadas e os concellos afectados poidan presentar as alegacións que estimen oportunas sobre a nova configuración. Nela rebáixase de doce a sete o número de muíños mantendo case invariable a potencia instalada, que pasa de 53 a 50,4 MW. Ao proxecto modificado pode accederse desde esta ligazón, aínda que se debe ter en conta que se trata dun arquivo pdf superior aos 300 “megas” de peso.

As variacións máis reseñables que presenta o deseño son as referidas ao número de aeroxeradores e á súa situación, posto que seis deles se concentran na metade oeste de Moeche -sobre todo en Santa Cruz- mentres que o sétimo muíño queda xusto no límite con San Sadurniño, cunha afección pronunciada á zona de Vilanova e de Mandrá.

Ao reducirse o número de aeroxeradores e a súa dispersión, tamén se reduce a poligonal do parque, aínda que no caso de San Sadurniño a superficie con afeccións sobre o solo por causa da instalación seguirá sendo practicamente a mesma que no anteproxecto deseñado en 2020.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño encomendoulle ao equipo de asesoramento xurídico do que se botou man para o primeiro período de alegacións que estude o contido do proxecto e que prepare as obxeccións susceptibles de ser presentadas polo consistorio, como parte tamén afectada pola instalación do parque. Ademais, o modelo de escrito porase a disposición das persoas interesadas e entidades que queiran formular as súas alegacións.

O anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia publicado no BOP somete a información pública a modificación da autorización administrativa previa e a solicitude de autorización administrativa da construción do proxecto modificado. O prazo para efectuar alegacións remata o 18 de xullo.