Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá o luns o prazo para comunicar a realización de fogueiras en San Xoán e San Pedro


O Concello manterá aberto dende o vindeiro luns, día 12, ata o 23 de xuño (incluído) o prazo para comunicar a realización de fogueiras de San Xoán e San Pedro en espazos privados e para solicitar autorización para realizalas en espazos públicos. Así o indicou o concelleiro en funcións de Seguridade Cidadá, Román Romero, que explicou que poderán realizar os trámites persoas físicas ou xurídicas promotoras da actividade, asociacións municipais e culturais.

As solicitudes poden presentarse a través da Sede Electrónica do Concello, onde está dispoñible a instancia pertinente, ou tamén no Rexistro xeral do Concello achegando a mesma instancia cumplimentada e coa documentación requerida para tramitar a petición. Así mesmo, poden presentarse a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4, da Lei 39/2016, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na instancia, a maiores dos datos persoais do solicitante e representación é preciso indicar o espazo no que se realizará (público ou privado) e a data e tamén a localización da fogueira e unha estimación máxima das persoas que estarán presentes durante a lumeirada. A través desta información dende o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis) realizaranse os controis oportunos co fin de garantir a máxima seguridade.

No caso de que a fogueira se realice en espazos públicos será preciso aportar unha serie de datos na instancia sobre os organizadores e especifícanse os compromisos que deben adquirir, como a elaboración dun Plan de autoprotección ou emerxencia coordinado co departamento de Seguridade, saúde laboral e emerxencias de Narón.

A maiores, especifícanse na instancia as medidas de prevención estipuladas dende o Concello para as festas gastronómicas e as fogueiras de San Xoán e San Pedro e infórmase que no caso de emerxencia hai que chamar aos teléfonos 085 ou 112.