Friday 22 de November de 2024

En marcha as obras de abastecemento de auga e saneamento en Arnados e de saneamento no Igrexario de Lema


A veciñanza xa pode realizar a solicitude dos enganches

O alcalde, Evencio Ferrero, visitou as obras de abastecemento de auga e saneamento que se están a levar a cabo en Arnados (Razo), dentro dun proxecto que tamén permitirá completar a rede de saneamento no Igrexario de Lema. Os traballos, executados pola empresa Vázquez y Reino, supoñen un investimento de 179.790,37 euros.

A veciñanza de ámbolos dous lugares xa pode solicitar os enganches nas oficinas de Gestagua para que se vaian facendo ao mesmo tempo que a obra. No Igrexario de Lema instalaranse 948 metros de tubaxes e 33 pozos de rexistro, mentres que en Arnados colocaranse 798 metros de rede de saneamento e 26 pozos de rexistro, pero tamén se completará o abastecemento nos puntos que carecen do servizo.

A mesma empresa executará tamén a rede de abastecemento de auga á Baixa de Sofán, na que realizaremos un investimento de 700.000 euros. A conexión coa rede xeral realizarase nos núcleos do Alto (Verdillo) e O Forno (Sofán), e dende eles estenderase ao longo dos lugares de Bolón, Sofandónigo, Campo de Arriba, O Pilro, Quintela, A Tapia, O Forno, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba e A Praza, na parroquia de Sofán, e Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, Chacín e a Redonda, na de Verdillo. En total instalaranse 17.178 metros de tubaxes. Neste caso tamén poden solicitarse xa os enganches.