O barrio de Palavea celebrará as Festas Patronais de Santo Antonio e Santa Cristina esta fin de semana, con actividades musicais e lúdicas para grandes e pequenos
O barrio de Labañou e San Roque de Fóra celebra a Festa dos Porcos este sábado 10 de xuño, na praza da Tolerancia, con diferentes actividades para todos os públicos. Chus Castro será a encargada de dar o pregón da xornada, que comezará ás 12.00 horas con Cántigas da Terra e a Banda de Música de Arzúa. Pola tarde a compañía Sue Moreno con 4.0 ofrecerá un espectáculo circense para os máis pequenos, tamén na mesma praza. A programación rematará con tres actuacións musicais.
Comezará o dúo Feminino Plural, composto por Silvia Penide e Carla López ao que lleseguirá a banda ourensá O Sonoro Maxín. O cantante Berto, un dos nomes de maior relevancia no panorama musical galego actual, será o encargado de poñer fin a estas Festas de Labañou, organizadas pola Asociación Veciñal Labañou-San Roque-Zona Escolar-Rosales co apoio do Concello da Coruña e da rede cultural da Deputación da Coruña.
O barrio de Palavea tamén celebrará esta fin de semana as súas Festas Patronais de Santo Antonio e Santa Cristina na praza Padre Busto, con actividades para todos os públicos. O sábado 10 de xuño, pola mañá, haberá pasarrúas circense e xogos xigantes para os máis pequenos e pequenas. Tamén se realizarán obradoiros de Cap Paint e de Skate, orientados á xente máis nova. Pola tarde comezarán as actuacións de The Coin Brass, XXIV Ancianos, Crowed e The Homeless que rematará pola noite coa actuación da Orquestra Barcelón.
O domingo 11 de xuño a xornada festiva comezará da man da Agrupación Folerpas, que amenizará as rúas con música tradicional. Tamén se fará a entrega de premios do II Certame de Deseño de Carteis e a proxección da película ‘Luca’, orientada ao público infantil á que lle seguirá a sesión vermú con Foliada D’ases e “A fuego lento” de Javi Malabares. A xornada do domingo rematará coas actuacións do grupo de Musicoterapia de Abegondo e Palavea, Carmino Karachi, Mr. Kamándula e Leria.
O apoio ás festas dos barrios por parte do Concello forma parte das accións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para recuperar e impulsar as festas tradicionais da cidade.