A cidade conta xa con 47 bases activas, máis do doble das existentes no ano 2019
O Concello puxo hoxe en servizo dúas novas estacións do servizo municipal de BiciCoruña, as situadas no Birloque e en Novo Mesoiro.
Desta forma, e tras completarse os derradeiros traballos de electrificación das bases, así como a instalación do software necesario para a posta en marcha do servizo, as estacións de dispoñibles na cidade chegan a 47.
A base de Novo Mesoiro está situada na rúa Illas Sisargas, próxima á rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe. Conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.
No tocante á base do Birloque, dispón de 19 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos. Está localizada na praza Agustín Díaz, lindeira co complexo polideportivo de Elviña.
As 47 bases activas na cidade están dispoñibles desde as 07.00 da mañá ata a 01.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.
A renovación e expansión de BiciCoruña impulsada polo Goberno de Inés Rey completarase proximamente coa incorporación de 92 novas bicicletas eléctricas que se sumarán as 174 actuais. Ademais, ao longo deste ano licitarase unha nova expansión para poder chegar ás 90 bases en todos os barrios e para elevar a máis de 700 o número de bicicletas eléctricas.
O número de estacións activas na cidade dobla xa as 23 bases existentes no ano 2019.
Desde xaneiro a maio deste ano BiciCoruña superou os 334.000 usos, unha cifra que supera os 329.000 rexistrados durante o 2022.