O vaso estreará esta temporada un elevador para persoas con mobilidade reducida
A piscina municipal de San Sadurniño volverá abrir ao público o luns 19 de xuño, aínda que na fin de semana do 17 e 18 xa poderán gozar dela as rapazas e rapaces participantes no torneo de fútbol organizado polo CF San Sadurniño. Durante estes días están desenvolvéndose traballos de enchido, limpeza e de posta a punto das instalacións, que permanecerán abertas até o 3 de setembro con posibilidade de estirar a temporada un pouco máis se viñesen días de calor. Ademais, o Concello tamén acaba de instalar un elevador hidráulico para o acceso ao vaso de persoas con mobilidade reducida. Mentres se prepara a apertura, o departamento de Deportes abrirá este venres 8 de xuño o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares de temporada e tamén para preinscribirse nos cursos de natación. As instancias hai que presentalas na Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura, neste último caso en horario de 9 a 14:00h de luns a venres.
O horario de baños libres será o mesmo que o ano pasado e manterase fixo durante toda a temporada: de 15:00 a 21:00h pola semana e de 14:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos. As actividades da escola municipal de natación, en principio, desenvolveranse os martes e xoves de 10:30 a 12:30h ofertando durante xullo e agosto iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de inscricións.
Para preinscribirse nos cursos hai que enviar un mail cos nosos datos e o curso no que teñamos interesea agustin.perez@sansadurnino.gal, co obxectivo de ver cantos grupos se forman. Posteriormente, unha vez nos confirmen a praza, haberá que rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta no rexistro municipal no momento de levar os papeis, pero tamén se pode pagar na Casa da Cultura ou ben no banco por ingreso ou transferencia, cuxo resgardo deberá adxuntarse despois á solicitude.
As entradas individuais para baños libres -3,78€ adultos e 1,90€ menores de 14 anos- deberán collerse cada día na cantina da piscina. Porén, o máis interesante é mercar un abono xa que, por exemplo, unha persoa adulta que merque tique para toda a tempada -33,43 €- terao descontado en tan só 9 baños. O Concello habilitará entre o 12 e o 23 de xuño un primeiro prazo de solicitude de abonos para persoas empadroadas (o Concello comprobará de oficio este dato) e, transcorrido ese prazo, poranse á venda para o público en xeral os que non se asignasen.
As solicitudes de abono hai que presentalas na Casa da Cultura ou na Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono -poden ser unha ou varias se é familiar-, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais). Os datos referidos ao empadroamento serán comprobados tamén de oficio. Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode facerse con tarxeta na propia Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.
Melloras da accesibilidade
A piscina municipal de San Sadurniño vai ser desde este verán un pouco máis accesible, gracias á instalación dun elevador hidráulico para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade que lles dificulte entrar ou saír do vaso. O dispositivo, no que se investiron 5.000 euros, permitirá ademais ampliar o uso das instalacións durante as mañás de xullo, agosto e setembro, posibilitando que ambos colectivos participen nas actividades acuáticas de saúde e lecer que organice o Concello.
O equipamento elixido é un elevador que funciona mediante a presión da auga -conectado ao sistema hidráulico da propia piscina- de maneira que non necesita ningún tipo de alimentación eléctrica que puidera supor un perigo. Está instalado desde hai uns días nun lateral onde a profundidade da auga anda entre 1,30 e 1,50m, co obxectivo de que as persoas de apoio poidan facer pé durante todo o proceso.