Saturday 16 de November de 2024

Neda abre o prazo para facer a comunicación previa das fogueiras do San Xoán e do San Pedro


O Concello de Neda abre hoxe o prazo para a comunicación das fogueiras das tradicionais celebracións de San Xoán e de San Pedro. Unha medida necesaria para ter un control dos focos que vai haber nas noites que van do 23 ao 24, e do 28 ao 29 de xuño. O formulario pode descargarse da web municipal ou retirarse nas oficinas municipais, e poderá presentarse a través da sede electrónica ou o rexistro municipal.

Apuntan dende o Concello que a medida busca ter un coñecemento preciso dos puntos do territorio no que haberá fogueiras co obxectivo de manter informado ao Distrito forestal, e coñecer as características e os medios de extinción propios cos que contarán os organizadores). A presentación da comunicación implica o compromiso de adopción das medidas preventivas precisas para garantir a seguridade das persoas e bens.

Así, segundo apuntan dende a administración local, o volume do material da fogueira non superará os 4 metros de diámetro nin os 3 de altura. As lumieiras deberán gardar unha separación mínima de 15 metros dos inmobles, árbores e demais obxectos próximos que poidan resultar danados, e non poderán facerse baixo os tendidos eléctricos ou telefónicos, así como nos arredores de almacéns de produtos inflamables. Por último, no que atinxe á localización, no caso de que se faga en terreos de uso público pavimentados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros, en toda a superficie da fogueira.

Entre os requirimentos que se establecen dende o consistorio figura tamén a prohibición de queima de pneumáticos, gomas, plásticos, aceites e, en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos, así como botar ao lume materiais inflamables ou explosivos ou recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros. Finalmente, ao remate da fogueira, os/as membros da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e, ao día seguinte da celebración, serán os responsables de que todo quede nas debidas condicións de limpeza e orde.