Friday 22 de November de 2024

O alumnado da AFD de atención sociosanitaria visita os centros nos que realizarán o módulo de prácticas profesionais


A acción formativa é organizada polo Concello co financiamento da Xunta de Galicia.

O alumnado da acción formativa dirixida a persoas desempregadas (AFD) de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais -que se está a desenvolver na Laracha baixo a organización do Concello e co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade- realizaron unha saída didáctica para coñecer os centros nos que proximamente levarán a cabo o módulo de prácticas.

Esta acción formativa, na que participan catorce persoas, iniciouse a mediados do pasado mes de marzo e rematará día 20 de xullo. Ten unha duración total de 468 horas, impartíndose a fase teórica nunha aula-taller homologada no edificio administrativo da Laracha, mentres que o módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas) que comezará en xullo vaise realizar en tres centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que foron visitados polo alumnado. En concreto, o alumnado irá ao Centro de Día e Fogar Residencial da Laracha, ao de Arteixo e ao de Carballo.

O plan formativo completarase con dous módulos transversais, un sobre igualdade de xénero e outro relacionado coa formación para a igualdade, a inserción laboral e a sensibilización medioambiental.

O Concello e a Xunta de Galicia invisten preto de 50.000 euros no financiamento desta iniciativa dirixida a impulsar o emprego estable e de calidade por medio do reforzamento da formación e especialización das persoas participantes para aumentar as súas competencias profesionais e mellorar os servizos de atención a dependentes.