O XVI Certame de Danza Intercentros “Compostela en Danza” terá lugar este domingo
A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá este domingo 11 de xuño ás 19:00 horas, a XVI edición do Certame de Danza Intercercentros “Compostela en Danza”, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago. Un total de 130 escolares de entre 3 e 18 anos, pertencentes a 6 colexios, porán en escena 14 coreografías de moi diversos estilos.
O Auditorio de Galicia acollerá este domingo a partir das 19 horas a décimo sexta edición do certame “Compostela en Danza”, unha proposta xa consolidada do Concello de Santiago na súa aposta pola inclusión da danza e o teatro no proceso educativo.
Nesta edición participarán máis de 130 escolares de educación infantil, primaria e secundaria dos CEIPs López Ferreiro, Pío XII, Raíña Fabiola, Vite e Cardeal Quiroga Palacios e do IES Arcebispo Xelmírez I, que representarán na sala Ángel Brage un total de 14 coreografías:
1- BAIXO DO MAR
2- RAIN ON ME
3- HALO
4- HILMA AF KLIMT
5- SUPERHEROINAS
6- ANNE FRANK
7- A ROSALÍA
8- ROCK DANCERS
9- CONTO DA CRIADA
10- MEMORIES
11- ARMENIA 1915
12- BAILA CO CORAZÓN E OS PES TE SEGUIRÁN
13- SOMBREREIRO LOCO
14- REMIX/Saúdo
Da aprendizaxe da danza e das preparación das coreografías encargáronse ao longo do curso as profesoras Beatriz Viñal, Carla Riande, Beatriz Lorenzo e Alba Landeira.
A Danza na eduación
A inclusión de propostas diversas relacionadas coa actividade de danza no programa xeral de actividades do Departamento de Educación do Concello de Santiago, parte da súa consideración como un recurso importante no proceso educativo, xa que a danza é un factor de desenvolvemento global e de realización persoal, e desde un punto de vista pedagóxico é tamén un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes xa que proporciona ao alumnado unha gran variedade de experiencias e estímulos.
Deste xeito, en educación infantil, primaria e secundaria, a danza pode ser un recurso moi importante para a formación do alumnado, xa que a través da danza o alumnado pode aprender a controlar o seu corpo, explorar o mundo que os rodea, resolver os seus problemas emocionais, ser seres sociais e ocupar un lugar na comunidade. Isto se traballa a través da musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección da postura, a memoria, a sociabilidade, a superación da timidez, a relaxación, a confianza e a propia estima, entre outras.