O asturiano Rodrigo Cuevas volve á cidade herculina para presentar o seu novo traballo discográfico no marco da xira ‘A Romaría’; mentres que o dúo andaluz La Plazuela estrearase na Coruña para presentar ‘Roneo Funk Club’
Triángulo de Amor Bizarro súmase a Deluxe no cartel do venres 22 de setembro para estrear en Galicia o seu novo álbum, ‘Sede’; noite para a que quedan dispoñibles as últimas 300 entradas
O peirao de Batería acollerá os concertos de Rodrigo Cuevas e A Plazuela o xoves 21 de setembro e as entradas xa están á venda desde 18€ nas plataformas www.ataquilla.com e www.ticketmaster.es
O ciclo de concertos Noites do Porto acollerá a estrea coruñesa dos últimos traballos discográficos de Rodrigo Cuevas, La Plazuela e Triángulo de Amor Bizarro. O evento, que conta co apoio do Concello da Coruña, suma así tres novos nomes ao cartel da súa terceira edición, que se celebrará do 18 ao 24 de setembro e que conta coas confirmacións de Deluxe e Sen Senra.
O folk, a electrónica e a renovación da tradición serán as protagonistas do xoves 21 desetembro en Noites do Porto. O folclórico Rodrigo Cuevas e os andaluces La Plazuela subiranse ao escenario do peirao de Batería. O asturiano -cuxa última actuación na cidade tivo lugar o 2020, no Teatro Colón- presentará, no marco da xira A Romaría, o seu novo álbum, do que xa se coñecen os avances ‘Máis animal’ e ‘Casares’, publicado o pasado venres 2 de xuño. Pola súa banda, o dúo granadino conformado por Manuel Hidalgo e Luís Abril actuará por primeira vez na Coruña e farao para dar a coñecer o seu celebrado “Roneo Funk Club”, co que reivindican as súas raíces desde o flamenco e o funk.
As entradas para asistir aos directos do xoves 21 de setembro xa están á venda, desde 18€, nas plataformas www.ataquilla.com e www.ticketmaster.es. Nestas webs tamén é posible adquirir as entradas para as noites do sábado 23 (Sen Senra) e venres do 22 (Deluxe) desde 35€, á que se suma unha nova banda: Triángulo de Amor Bizarro. O mítico grupo galego de indie-rock, referente do underground de fala hispana, presentará en directo, por primeira vez en Galicia, o seu sexto álbum, ‘Sede’, que se poderá escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do próximo 23 de xuño. Estrela solitaria, publicado o venres 2 de xuño, é o single principal do novo disco. No caso do venres 22 só quedan un total de 300 entradas dispoñibles.
NOITES DO PORTO
O ciclo Noites do Porto celebrará do 18 ao 24 de setembro a súa terceira edición. Ao longo de toda unha semana, o peirao de Batería e as salas de concertos da cidade acollerán unha serie de directos únicos, con datas exclusivas ou estreas en Galicia, de figuras recoñecidas no panorama musical estatal e internacional. Do mesmo xeito que nas súas anteriores edicións, nas que o evento contou con artistas como Jorge Drexler, James Rhodes, Bad Gyal, Xoel López ou Morgan, entre outros, o ciclo destacará pola diversidade estilística da súa programación, na que participarán bandas e solistas como Deluxe, Sen Senra, Rodrigo Cuevas, La Plazuela ou Triángulo de Amor Bizarro, entre outros nomes. A celebración do festival enmárcase na estrateixa posta en marcha polo Goberno de Inés Rey de facer da cidade un referente musical no norte da península. A cita supón tamén un novo paso na apertura do porto á cidade, coa consolidación da celebración de eventos nos peiraos.
PROGRAMACIÓN CONFIRMADA | Peirao de Batería
Xoves 21 de setembro: Rodrigo Cuevas + La Plazuela
Venres 22 de setembro: Deluxe + Triángulo de Amor Bizarro (últimas 300 entradas á venda)
Sábado 23 de setembro: Sen Senra
Entradas á venda en www.ataquilla.com e www.ticketmaster.com.