Friday 22 de November de 2024

O CIMM de Cabanas e a Oficina de Información Turística reabren as portas co seu horario de verán


O Concello de Cabanas levará tamén a súa aposta turística este sábado ao Primavera no Camiño

O Concello de Cabanas reiniciou esta semana a atención ao visitante no Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM) de Cabanas e na Oficina de Información Turística, situados no parque do Areal, adaptándose ao horario de verán.

O horario de atención ao público en ambos servizos será os luns, mércores, xoves e venres de 08.00 a 15.00h, e os sábados, domingos e festivos de 08.30 a 14.30 horas, permanecendo os martes pechado por descanso do persoal.

Desde a área de turismo confían en “continuar a tendencia á alza” no número de visitantes, diversificando a oferta para o conxunto do territorio municipal, con especial énfase na aposta polas Fragas do Eume.

Primavera no Camiño

O Concello de Cabanas tamén estará presente este sábado no Primavera no Camiño, unha iniciativa turística organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que levará ao Encoro de Beche (Abegondo) os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos da ruta xacobea que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Dentro da programación festiva da feira, o Concello de Cabanas amosará ás persoas visitantes o traballo de fiado da la que promove a Asociación de Mulleres Cabanas Rural. Será tanto no propio stand de Cabanas como cunha exhibición entre as 11.30 e as 13.30h.