Friday 22 de November de 2024

O Concello de Cerdido presenta un recurso de alzada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para revocar a resolución pola que se lle outorgou a Enel Green Power a autorización administrativa previa para o parque eólico de Badulaque


• Aluden á vulneración do principio de congruencia e ilegalidade da colocación dos eólicos fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico do Plan Sectorial Eólico de Galicia pola inexistencia de motivación na adopción da excepcionalidade

• O prazo para presentar este recurso de alzada remataba este luns, 29 de maio

O Concello de Cerdido vén de presentar un recurso de alzada ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico fronte á resolución do 17 de abril de 2023 da Dirección Xeral de Política Enerxétic e Minas, pola que se outorga a Enel Green Power España S.L. autorización administrativa previa para o parque eólico de Badulaque de 90 MW, e as súas infraestruturas de evacuación, ubicadas en Valdoviño, Cerdido, Cedeira, Moeche, As Somozas e As Pontes.

Desde a administración local alegan que se vulnerou o principio de congruencia e ilegalidade da colocación dos eólicos fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico do Plan Sectorial Eólico de Galicia pola inexistencia de motivación na adopción da excepcionalidade.

Desde a corporación municipal indican que non foron contestadas todas as alegacións e que a conclusión á que se chegou desde a Delegación do Goberno é incorrecta, posto que o conxunto das alegacións non foi solo de carácter ambiental, se non que tamén foron de carácter administrativo, pero as únicas que foron contestadas en tempo e forma foron as de carácter ambiental.

O Concello presentou no seu día un escrito de alegacións conxunto, dado que se someterá a información pública tanto o Estudo de Impacto Ambiental como a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico.
O prazo para presentar este recurso de alzada remataba este luns, 29 de maio.