— A Coruña é a última parada da iniciativa que puxo o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París o pon agora en Galicia co cuarteto coruñés Bélle Epoque ás 12,00 h
— As actividades paralelas ao redor de ‘Picasso branco no recordo azul’ continúan na súa recta final con obradoiros, visitas, actividades inclusivas e co peche a semana que vén do ciclo de conferencias a cargo dunha das comisarias da mostra Malén Gual
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño.
Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París. O acceso é de balde, previa recollida da invitación na recepción do Museo. Poderase seguir en directo vía streaming a través da canle de Youtube do Museo.
O cuarteto Bélle Epoque leva unha andadura musical de máis de dez anos. Está integrado por músicos coruñeses (de nacemento ou de adopción), docentes nos conservatorios da cidade, cunha dilatada traxectoria pedagóxica e artística, sendo fundadores de agrupacións como a Orquestra Gaos ou a Orquestra de Cámara Galega. A formación ten unha especial atención á música dos nosos días e do noso entorno con estreas de obras de Francisco Lara e Juan Pérez Bernat.
Ata o 25 de xuño
A Xunta afronta así este último mes da exposición aberta ao público cunha completa actividade paralela, que ademais deste concerto, inclúe distintas propostas familiares, talleres xuvenís ou visitas guiadas. A vindeira semana porase tamén fin ao ciclo de conferencias enfocado na Coruña e os primeiros trazos de Picasso co relatorio de Malén Gual, unha da exposición.
Co título Lola, a gardiá do tesouro, Gual falará o vindeiro mércores a partir das 20,00 horas, do papel fundamental da irmá do artista, como modelo feminino nos seus anos xuvenís como figura importantísima entre os anos 1894 e 1901. Lola, tras a morte da súa nai en 1930, herdou un papel co que transmitu aos seus fillos, os irmáns Vilató Ruiz, a responsabilidade de conservar as obras do artista ata a súa doazón ao Museu Picasso de Barcelona.
Toda a programación está dispoñible na web do museo e para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.
A mostra Picasso no branco azul está comisariada, ademais de por Malén Gual, por Antón Castro e Rubén Ventureira coa coordinación da directora do museo, Ángeles Penas e seu o equipo. Trátase da única mostra da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente. Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.
A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.
O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.