O “Tren Cacharelo” circulará de balde na tarde do xoves 23 de xuño con paradas nos barrios onde se organizan algunhas das cacharelas veciñais máis populares.
A praza de Mazarelos recibirá o día 23 durante toda a tarde e o serán o Festival de San Xoán, festival que pretende poñer en valor esta festa tradicional e os ritos a ela asociados, así como ofrecer información das cacharelas veciñais que se celebran na cidade.
O Festival conta este ano cunha nova imaxe que quere animar a participar nesta Festa con tanto arraigamento en Santiago, xa sexa no propio Festival de San Xoán como en calquera das múltiples cacharelas que se celebran por todo o concello.
Seguindo esta nova imaxe, promocionarase a Festa de San Xoán a través das redes sociais cos cancelos creados especificamente con este obxectivo: #estounachama e #oteumellorsanxoan.
O programa detallado do Festival, que entre outras actividades inclúe paseos botánicos na procura das herbas de San Xoán, obradoiros, maxia, música en vivo e queimada, darase a coñecer a próxima semana.
Ademais, na tarde e na noitiña do 23, o “Tren Cacharelo” circulará de balde para fomentar a mobilidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes, que así poderán transitar polos barrios que organizan algunhas das cacharelas máis concorridas da cidade.
O Tren estará en circulación de 17.00 a 22.00 horas, con saída ás horas en punto desde a parada principal no CGAC, e terá paradas sinalizadas na avenida do Burgo das Nacións, na Carballeira de San Lourenzo e na avenida de Xoán Carlos I.