O estudio Burgos & Garrido terá catro meses de prazo para presentar o proxecto e asumirá tamén a dirección da obra
O estudio gañador recibirá 20.000 euros como premio. O segundo clasificado, Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, percibirá 15.000 euros. Os proxectos de Manuel Vázquez Muíño-OLA Arquitectura e de Fernández Carballada e Asociados e Nula Estudios percibirán cadanseus accésits de 5.000 euros
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a aceptación da proposta do xurado do concurso de ideas de Santa Lucía. O xurado, reunido o 26 de maio, determinou que o proxecto gañador foi o presentado polo estudio Burgos & Garrido.
Despois da aceptación da proposta, tanto o gañador como o segundo clasificado e os dous accésits teñen agora 10 días para presentar a documentación requirida para percibir os correspondentes premios. Ademais, a aceptación da proposta do xurado permitirá poñer en marcha o procedemento de contratación para que Burgos & Garrido redacten os proxectos básico e de execución, para o que disporán dun prazo de catro meses.
Así o explicou esta mañá a alcaldesa Inés Rey, que expuxo os detalles sobre a configuración do novo edificio que permitirá que os veciños da Falperra conten por fin, nun único edificio, cun centro de saúde, un mercado e un centro cívico. “Era unha vella demanda veciñal sistematicamente adiada á que este Goberno da solución”, indicou a alcaldesa.
O Concello obtivo xa 3 millóns de euros de fondos PIREP para asumir a parte que lle corresponde das obras (mercado e centro cívico), correspondendo á Consellería de Sanidade os gastos derivados do centro de saúde.
No soto de Santa Lucía estará localizada a praza de abastos, onde se habilitarán tres zonas diferenciadas para os postos e áreas de restauración. Ademais, separada do mercado, disporase unha área de aparcadoiro, así como un circuíto interior para o acceso de vehículos desde a rúa Inés de Castro, con saída cara ao pasadizo de Pernas.
A proposta incluída no proxecto valora dúas posibilidades no referente á distribución da superficie no soto: unha, na que o mercado de abastos ocuparía 428 metros cadrados e habería 11 prazas de estacionamento e a segunda opción, na que o mercado contaría con 353 metros cadrados, o que implicaría un incremento dos espazos destinados a aparcadoiro, con 16 prazas.
Entre o primeiro e o segundo andar do edificio estarán situadas as instalacións do centro de saúde, que acollerá diversos espazos destinados á área médica —cunha sala de toma de mostras, outra polivalente, unha consulta de urxencias e outras de medicina e enfermaría xeral—, área pediátrica —con consultas de pediatría—, área da muller —con consultas de matrona, aseos e cambiadores—, así como estancias habilitadas para acoller as áreas de administración, arquivo, persoal e usos comúns.
Os espazos reservados para o centro cívico de Santa Lucía situaranse nas alturas superiores do inmoble, e abranguen unha nova sala polivalente, un auditorio, unha sala de reunións, un espazo para lectura, almacéns e aseos. Tanto o mercado como o centro cívico e o centro de saúde contarán con accesos totalmente independentes, mais os tres servizos compartirán un gran atrio central aberto que achegará luz natural.
Está previsto que as instalacións se adapten á recepción de fontes de enerxía renovable, polo que o proxecto amosa un deseño bioclimático adaptado á climatoloxía da cidade. alcaldesa lembrou que o deseño do inmoble, na medida do posible, respecta a configuración do edificio orixinal, deseñado por Manuel Gallego Jorreto.
O segundo premio recaeu en Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, que percibirán 15.000 euros. Obtiveron cadanseus accésitis con 5.000 euros de premio os proxectos de Manuel Vázquez Muíño con OLA Arquitectura e o de Fernández Carballada e Asociados e Nula Estudio.
“Cumprimos, pois, cun compromiso adquirido, e hoxe podemos dicir que no mandato que agora comeza os veciños e veciñas da Falperra terán, por fin, un centro de saúde en condicións e tamén un mercado e centro cívico, mais tamén un espazo que gañará considerablemente en calidade urbana”, indicou Rey.
Convenios nominativos con entidades sociais
Por outra banda, a xunta de goberno aprobou tamén tres convenios nominativos por unha suma de 266.000 euros con outras tantas entidades do sector social.
Un dos convenios, por importe de 61.000 euros para o ano 2023, é o da Fundación de Adultos Discapacitados (ADCOR). A través de dito convenio finánciase un programa dirixido á adquisición de habilidades que posibiliten un grao maior de autonomía persoal e social dos usuarios de ADCOR.
Ademais, aprobouse un convenio coa Asociación Benéfica Renacer A Coruña para o financiamento do programa de atención ás persoas maiores en situación de soidade e risco de exclusión social debido á falta dunha rede de apoio familiar e pola súa maior dificultade de acceso ao emprego. O importe deste convenio para o ano 2023 é de 125.000 euros. A actividade que financia o convenio comezouse a levar a cabo pola entidade no ano 2020 cun importe de 75.000 € e aumentou en 2022 a 125.000 €.
Por último, aprobouse tamén o convenio coa Cociña Económica para o financiamento da súa actividade por un importe de 80.000 euros. O convenio coa Cociña Económica ten experimentado un forte incremento desde o ano 2021, data na que pasou dos 45.800 euros aos 80.000 actuais.