Un total de 16 centros de ensino e preto de 3000 estudantes de educación primaria participan na oitava edición desta proposta, que ten como obxectivo formar á xuventude en valores
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, animou hoxe á xuventude a participar no programa ‘Voluntariado miúdo’ para implicarse no deseño dunha Galicia mellor. Fíxoo diante do alumnado que participa na oitava edición desta iniciativa, nun encontro que tivo lugar no albergue Mariña Española e ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor.
Un total de 16 centros de ensino de toda Galicia e preto de 3000 estudantes de educación primaria formaron parte este ano de ‘Voluntariado miúdo’. A conselleira agradeceu ao alumnado e ao profesorado a súa implicación no programa e sinalou que o obxectivo do mesmo é achegar o voluntariado aos centros de educación da nosa Comunidade e formar á xuventude en valores.
Fabiola García destacou que, a través desta iniciativa, o Goberno galego fai chegar ao alumnado proxectos solidarios, ricos en valores e que os animan a procurar un mundo mellor. Así, os participantes en ‘Voluntariado miúdo’ levan adiante diferentes proxectos para fomentar a reciclaxe e o coidado do medio ambiente, para coñecer a realidade das persoas con discapacidade e procurar máis accesibilidade ou para promover os encontros interxeracionais nos que mozos e maiores compartan tempo e aprendan xuntos, entre outros.