Saturday 16 de November de 2024

Neda contará durante o mes de xullo cos campamentos gratuítos de verán “Conciliamos Xogando”


As familias do municipio con nenos de entre 3 e 12 anos teñen do 8 ao 16 de xuño para solicitar praza

O Concello de Neda organiza un ano máis no mes de xullo os campamentos de verán “Conciliamos Xogando”. Unha proposta gratuíta, concibida para favorecer a conciliación de vida laboral e familiar durante as vacacións, ofertando unha programación de lecer variada e atractiva para os máis pequenos da casa. Este xoves ábrese o prazo de inscrición.

O servizo, atendido por persoal especializado, funcionará de luns a venres, en horario de 8.45 e 13.45 horas (agás o Día de Galicia) e estará dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Poderanse beneficiar todas as familias empadroadas en Neda, “incluídos avós e avoas que se fagan cargo dos e das netas”. Neste caso, terán que acreditar que están ao coidado dos pequenos/as nese horario.

Organizados en grupos, en función da idade, os nenos e nenas participarán cada día nunha morea de propostas diferentes, que abranguerán dende predeporte e xogos musicais, ata actividades manuais (experimentos científicos, plástica ou cociña), pasando por xogos e obradoiros medioambientais; xincanas; actividades acuáticas na piscina; e sesións de contacontos. En definitiva, contidos para estimular a imaxinación, a creatividade, o traballo en equipo e a expresión corporal, mentres se promoven valores como a igualdade, o respecto aos outros ou a solidariedade.

O Concello de Neda disporá de un total de 90 prazas no marco de “Conciliamos xogando”. No caso de que a demanda existente supera a oferta, procederase ávaloración das solicitudes atendendo a unha serie de criterios e seguindo a orde de inscrición. Entre eles, familias en situación de emerxencia social, derivadas de Servizos Sociais; familias monoparentais traballadoras; nai e/ou pai traballadores, e persoas traballadoras de Neda que xustifiquen que nos concellos onde están empadroadas non dispoñen de servizo de conciliación.

O prazo de presentación de solicitudes para a participación no programa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, remata o 16 de xuño ás 14 horas. As inscricións debe formalizarse no Rexistro do Concello (presencial ou electrónico), e a partir de hoxe poderase retirar na biblioteca municipal a documentación necesaria para anotarse no programa.