Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre o prazo de comunicación das cacharelas do San Xoán e do San Pedro


En escasos 15 días celebraremos o solsticio de verán coas lumeiradas do San Xoán e, nalgúns sitios, tamén coas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando onde se van armar e adquirindo certos compromisos de responsabilidade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. Ademais, en Igrexafeita e Naraío xa nos avanzaron o programa que teñen preparado para esa fin de semana.

En Naraío celebran a súa “salta” o venres 23 a partir das 21:00h cunha chourizada na Veiga acompañada de pan e pataca ao prezo de 3,50 euros. Non fai falla inscribirse, xa que cando se acaben os chourizos, acabáronse… aínda que a entidade ha contar con existencias abondas para que ninguén quede con gana de probalos.

A asociación trae á solista Tania para animar a noite, na que inclúen unha queimada de balde e, por suposto, o acendido da cacharela. Se vén boa noite, todo se celebrará fóra arredor do lume e as brasas.

En Igrexafeita a AVV Adiante deixa para o propio sábado do San Xoán, o 24 de xuño, a celebración da súa tradicional sardiñada.

A xuntanza veciñal comezará ás 21:00h co monólogo de Daniel Celester e Alejandro Mejuto, que chega á parroquia dentro do programa cultural Dinamizartj.

A iso das 22:00h xa estarán listas as sardiñas e os liscos, servidos con pan e bebida ao prezo de 3€ as persoas socias e de 8€ as non socias. Ademais tamén haberá animación para as nenas e nenos con La GuaGua entre as 21:00 e as 23:00h. Media hora despois prenderase a lumeirada do San Xoán. Para anotarse na cacharela hai que chamar antes do 17 de xuño ao 696 912 975 ou ao 650 484 580.

Comunicacións previas das fogueiras
En calquera caso se imos celebrar o San Xoán como é debido, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir a folla normalizada e entregala no rexistro do Concello de cara a que este lla faga chegar despois ao Distrito forestal I de Ferrol.

A tradición manda e por todo o territorio haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.