O Concello estudará a nova documentación dispoñible para preparar unha nova tanda de alegacións, ademais de facilitarlle os modelos á veciñanza
O Boletín Oficial da Provincia publicou esta mañá o anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o proxecto modificado do parque eólico Moeche, ademais de dar conta da solicitude de autorización administrativa da súa construción. Por tratarse dun proxecto modificado sobre outro anterior, tal e como se explica no BOP, debe iniciarse un novo período de exposición e de alegacións, que se poderán presentar no prazo de trinta días hábiles contados a partir deste mércores 7 de xuño. Botando contas sae que o último día será o próximo 18 de xullo. A documentación do proxecto modificado pode descargarse desde esta ligazón (o arquivo pesa máis de 300 megas). O Concello xa lle trasladou toda a información ao equipo xurídico que o asesora nesta cuestión para que estude o seu contido, de cara a fundamentar as alegacións que presentará a Administración local.
O anuncio do BOP é a primeira oportunidade que teñen o Concello e as persoas interesadas para coñecer o alcance das modificacións ás que se viu sometido o proxecto nos últimos meses, segundo parece co obxectivo de axeitalo ao cumprimento da normativa ambiental e de protección do patrimonio.
Da documentación feita pública hoxe despréndese que o parque eólico quedaría agora con sete muíños e unha potencia instalada de 50,4 MW, ademais de catro liñas soterradas de media tensión conectadas á subestación e, desde alí, á liña con destino Ás Pontes autorizada para o PE Badulaque. A promotora, Enel Green Power, cifrou a execución material do proxecto en algo máis de 52,5 millóns de euros.
Nos novos planos -un tanto difíciles de comprender a simple vista- desaparecen case a metade dos aeroxeradores proxectados inicialmente, entre eles os que ían instalados nos montes arredor do castelo e os máis próximos ás vivendas, tal e como se denunciaba na primeira quenda de alegacións presentadas pola veciñanza e polo Concello. Os demais reposiciónanse en maior ou menor medida con respecto aos emprazamentos orixinais e quedan distribuídos nas proximidades de Santa Cruz, do límite coas Somozas, un na zona de Vilanova, preto do límite con San Sadurniño, e outro na zona do Ventoeiro, en Labacengos.
A partir de agora ábrese un novo período de alegacións que poderán formular as persoas interesadas, as afectadas e tamén o Concello, quen xa puxo mans á obra ao equipo que vén ofrecendo asesoramento xurídico desde o ano pasado. Unha vez que se estude toda a documentación -máis de 1.000 páxinas- “decidiremos cal vai ser o seguinte paso e o contido das alegacións que poidamos presentar, ademais de informar e facilitar os modelos de alegación á veciñanza e ao colectivo TEX Moeche para que poidan facer valer os seus dereitos”, comenta Beatriz Bascoy.