O catedrático Lourenzo Fernández e o investigador Gustavo Hervella visitaron o Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso
O Concello de Oroso e a Universidade de Santiago de Compostela asinarán un convenio de colaboración para que os alumnos e alumnas da USC fagan prácticas no municipio, realizando traballos de investigación, de historia, de catalogación de fondos documentais e fotográficos… Así o anuncia o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, despois da visita realizada ao Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, e Gustavo Hervella García, investigador a USC, quen estiveron guiados polo director do Arquivo, o historiador Manuel Pazos, e o concelleiro de Cultura, Luís Rey.
“Temos moitas carencias no que atinxe á conservación e recuperación da nosa historia, pois todo o que se fixo neste ámbito en Oroso foi nos últimos anos. Editamos libros e revistas, fixemos xornadas informativas, recuperamos imaxes e documentación do noso pasado, pero aínda queda moito por facer”, explicou Manuel Mirás. Ante esta necesidade, Lourenzo Fernández informou ao alcalde da posibilidade de establecer unha colaboración coa USC xa que “nós, ideas e tempo sempre podemos achegar, pero tamén é posible facer un convenio de colaboración”.
Polo tanto, o Concello de Oroso asinará un documento de adhesión ao convenio de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Universidade de Santiago de Compostela para a organización de prácticas do alumnado da USC. Este convenio permitirá que alumnos e alumnas da USC poidan realizar prácticas en Oroso para complementar a formación que reciben nas aulas e realizando traballos de investigación, catalogación de fondos, etc.
Impresionantes fondos
Durante a visita, os investigadores da USC quedaron gratamente sorprendidos polo traballo que está a realizar o Concello de Oroso na recuperación e posta en valor da súa historia. “Incluso nos ofreceron axuda, colaboración e soporte informático para crear unha base de datos e un programa de xestión dos fondos fotográficos e documentais”, explica Manolo Pazos.
Ademais dos distintos libros e dípticos informativos sobre a historia de Oroso, os profesores apreciaron especialmente o valor da documentación achegada pola veciñanza do municipio ao Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso: cartas manuscritas, cédulas de propiedade, pasaportes, cadernos do colexio… “Documentación que se foi perdendo co tempo e que é moi difícil de atopar hoxe en día”, apuntou Gustavo Hervella. Documentación entre a que incluso se atopaban documentación franquista e unha revista da propaganda nazi, editada a toda cor en alemán e español.