A iniciativa organizada pola Concellaría de Mobilidade contou coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, o Club Ciclista Carballo e o colexio
O ano pasado celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente co alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero. Grazas ao traballo de investigación que levaron a cabo no cole, os nenos e as nenas puideron identificar distintas especies de fauna e flora que teñen o seu hábitat no paseo do Anllóns, e decidimos compartir esa información coas numerosas persoas que o percorren a diario instalando paneis informativos no fermoso recuncho que acolleu a antiga depuradora, e que hoxe é unha das zonas de descanso situadas nas beiras do río.
Este ano cambiamos de actividade e de cole, pero seguimos traballando coa rapazada que vai facer de Carballo un concello cada vez máis verde. Un dos factores claves para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible é a mobilidade, e por iso nesta ocasión optamos por unir o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño, co Día Mundial da Bicicleta, que se conmemora cada 3 de xuño dende o ano 2018 para visibilizar a importancia dun medio de transporte ecolóxico e saudable.
Para xuntar as dúas efemérides, a Concellaría de Mobilidade organizou unha xornada de mobilidade sostible no CEIP Fogar, na que, ademais do propio cole, colaboraron a Policía Local, Protección Civil e o Club Ciclista Carballo. A celebración desenvolveuse ao longo de toda a mañá, cunha primeira formación teórico-práctica nun circuíto de tráfico habilitado no patio, e unha saída pola contorna do cole na que os nenos e nenos tomaron as rúas con bicicletas, patinetes e a pé, facendo seu o espazo que habitualmente ocupan os automóbiles e, nesa zona especialmente, os vehículos pesados.