A firma José No Mantiñán e hijos Construcciones faise coa obra, tras a resolución por incumprimento do contrato coa anterior adxudicataria
O Concello de Neda vén de adxudicar novamente os traballos incluídos no proxecto de “Pavimentación de camiños na zona de AncaViladonelle”. A administración volvía sacar a licitación a finais do pasado mes de abril este lote de obras, tras resolver, por mor do total incumprimento dos prazos, o contrato asinado coa anterior firma adxudicataria.
Finalmente, será a empresa José No Mantiñán e hijos Construcciones S.A. a que se encargará de levar a cabo as actuacións de posta a punto dos accesos rodados a varios lugares das parroquias nedenses de Viladonelle e Anca. En total, investiranse 67.155 euros.
As intervencións contempladas no proxecto inclúen a roza mecanizada, limpeza de cunetas, aglomerado en quente, e posterior pintado lateral de tres pistas da rede viaria municipal. Trátase do camiño Vilar- Sandes, da pista de Vila de Anca e do camiño de Porta da Pena, en Viladonelle.
Dende o Concello confían en poder materializar por fin os esperados traballos de pavimentación, retrasados primeiro polos problemas nas licitacións derivados da suba de prezos e, posteriormente, polo incumprimento de contrato por parte de Asfalgal Técnicas Viarias SL (anterior adxudicataria). Os camiños obxecto de intervención atópanse na actualidade nun estado de conservación deficiente, como consecuencia tanto do paso do tempo como do propio uso.