Unha nova xornada de coidado medioambiental na Pobra do Caramiñal traduciuse na retirada dun total de 205’83 quilogramos de lixo da praia da Corna ao abeiro da campaña estatal Únete a 1 m² contra a “basuraleza”!
Unha decena de persoas decidiu sumarse a esta limpeza efectuada na mañá do día 3 de xuño, que contou coa colaboración da Protección Civil. Entre os residuos presentes no areal atopábanse fragmentos grandes de madeira, un bidón voluminoso, numerosos restos de plástico, botellas, latas e algún chisqueiro, entre outros.
A concelleira do Medio Ambiente en funcións, Genoveva Hermo, apunta que esta actividade se realizou como antesala do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora no 5 de xuño, e trala adhesión da Administración local ao proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes. Trátase dunha acción máis na senda das que xa se veñen facendo nos últimos anos dentro da campaña local de voluntariado Agora é o momento! A edil engade que todas elas buscan crear conciencia na preservación das contornas naturais e apelar á responsabilidade cidadá para o coidado destas, polo cal desta vez a convocatoria tamén estivo aberta a crianzas para así fomenta-lo respecto polo medio ambiente dende idades temperás.