Domingo de deporte en San Sadurniño, onde esta mañá se celebrou a oitava edición da carreira popular que reuniu un total de 370 deportistas desde os pouco máis de dous anos até os preto de oitenta. Malia os anuncios de treboadas o tempo aguantou até primeira hora da tarde sen pingar. Con todo, a calor e a humidade foron factores en contra dunha carreira que se desenvolveu sen incidencias e que estreaba un percorrido un tanto traizoeiro á hora de saber como dosificar forzas. Unha saída en chan, unha costa pronunciada a medio percorrido e un vertixinoso descenso despois, seguido dunha longa recta con repeito final antes de volver baixar de novo, puxeron a proba a resistencia e a astucia das corredoras e corredores na proba absoluta, na que volveu repetir como vencedor masculino Jonathan Fernández, do Náutico de Narón,cun crono de 16,15. A mellor marca feminina foi a de Andrea Díaz, do Atletismo Narón, con 19,39.
A VIII Carreira popular de San Sadurniño foi todo un éxito organizativo, gracias á colaboración do persoal da Federación Galega de Atletismo, do Club Voleibol Aldebarán, do club ciclista Biela e Chaveta e do apoio loxístico de Emesports, en cuxa web poden consultarse xa as clasificacións de todas as categorías.
A principal novidade desta edición foi o trazado na proba absoluta. Foron 4,9 quilómetros que, malia ser unha distancia asequible con algo de adestramento, supuxo un auténtico inferno para quen non prestase atención á sucesión de desniveis. De feito, o grupo compacto que saíu da Cortiña e que avanzou máis ou menos xunto pola Bidueda non tardou en ir estirándose a medida que se subía cara a Cornide.
A primeira costa marcou a diferencia máis avultada entre as deportistas e os deportistas con costume de correr populares, medias maratóns e maratóns, e quen está iniciándose neste tipo de probas. Porén, quizais fose a recta da AC-862 a que máis “tirou”. Quen pasaron con ben Cornide atopáronse cun segmento inferior ao quilómetro que comezaba cun leve descenso para logo ir en chan e rematar nunha subida máis dura do que parecía, algo que comentaron tanto corredoras expertas como menos afeitos a racionar esforzos.
Ese tramo, xa preto do esprín final cara á chegada -de novo cunha baixada e terreo chan-, foi tamén o máis espectacular da carreira polo paso ao mesmo tempo da ruta organizada na concentración moteira dos Fojeteiros, que se celebrou durante toda esta fin de semana en Narón.
A proba absoluta da popular sadurniñense botou a andar ás 11:30h e completouse en 41 minutos, nove por debaixo da previsión que tiña a organización. Ao podio subiron como vencedora e vencedor Andrea Díaz e Jonathan Fernández, con tempos de 19,39 e 16,15 respectivamente. Fernández xa vencera na carreira do ano pasado.
Despois da carreira de 4,9 quilómetros, o arboreto da Cortiña acolleu as probas para a rapazada, desde Sub 12 ata Peques. Os resultados de todas as categorías -agás a das nenas e nenos máis pequenos, que non eran competitivas- poden descargarse tamén nas seguintes ligazóns, xa que en Emesports poderían deixar de estar dispoñibles dentro dunhas semanas.