A iniciativa destinará todo o recadado para continuar impulsando a investigación en cancro e apoiar a pacientes oncolóxicos e familiares
Esta mañá celebrouse nas rúas da Coruña a décima edición da andaina solidaria contra o cancro, unha iniciativa na que participaron algo máis de 2.400 persoas. No evento lúdico-deportivo participaron persoas de todas as idades e condicións.
A andaina partiu do Obelisco e previamente houbo actividades de quecemento e zumba. O percorrido, de cinco quilómetros, transcorreu por algunhas das rúas máis emblemáticas da cidade herculina, desde o Obelisco cara a praza de Mina, Juana de Vega, San Andrés, Marqués de Pontejos, Pío XII, San Agustín, praza de María Pita, Rego de Auga, rúa Real, avenida da Mariña, Porta Real, avenida do Porto da Coruña e Parrote, e rematou de novo na zona do Obelisco. Ademais, durante toda a mañá houbo actividades de zumba, salsa, animacións para os rapaces e rapazas, agasallos e moitas sorpresas máis.
A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, estivo presente na saída da andaina, que comezou ás 10.00 horas.
A andaina solidaria ‘A Coruña En Marcha Contra o Cancro’ destina tódolos fondos recadados a continuar impulsando a investigación oncolóxica e o apoio aos miles de pacientes e familias. O Concello da Coruña colabora na súa realización e amosa o seu apoio ao longo do ano ás iniciativas organizadas pola Asociación Española Contra o Cancro na Coruña.