Saturday 16 de November de 2024

O Concello completa os traballos necesarios para a posta en marcha das 87 novas hortas urbanas do parque Adolfo Suárez


A disposición das hortas levouse a cabo nunha superficie de 4.478 metros cadrados, adaptando as instalacións á orografía do terreo, sacando proveito da pendente e a súa orientación, que protexe dos ventos do norte

O Concello levou a cabo un investimento de 305.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER

O Concello da Coruña finalizou esta semana os traballos necesarios para a posta en marcha das novas hortas urbanas situadas no parque Adolfo Suárez, na contorna do barrio de San Pedro de Visma. Desta forma, o Goberno de Inés Rey reforza a súa aposta pola recuperación e rehabilitación dos espazos públicos da cidade. Nas vindeiras semanas os novos hortos estarán xa operativos.

As obras supuxeron un investimento de algo máis de 305.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER. A intervención levouse a cabo nunha superficie de 4.478 metros cadrados, situada concretamente nos terreos de acceso ao parque Adolfo Suárez. En total, creáronse 87 parcelas, de 28 metros cadrados de superficie por unidade, adaptadas para as usuarias e usuarios con mobilidade reducida.

A disposición das hortas urbanas no parque Adolfo Suárez levouse a cabo adaptando as instalacións á propia orografía do terreo, sacando o máximo proveito da pendente coa orientación que ofrece, conseguindo un ángulo solar adecuado e atendendo á protección dos ventos que chegan do norte. Neste sentido, levouse a cabo unha intervención mínima que reconfigurou a xeometría da parcela.

Iluminación nos percorridos principais e tomas de auga por cada dúas parcelas

Nas hortas urbanas do parque Adolfo Suárez acometeuse tamén a instalación de iluminación nos principais percorridos de acceso e paso das persoas usuarias, así como a de tomas de auga compartidas para cada dúas unidades de terreo.

Instalouse, ademais, unha edificación auxiliar de 91 metros cadrados destinada a usos veciñais, así como para almacenar o material comunitario, obxectos persoais e de aseo.

Por outra banda, o Concello tamén atendeu a cuestións como a autoxestión enerxética do recinto mediante fontes renovables. Instalouse pora iso un sistema de aproveitamento de enerxía solar fotovoltaica dimensionado para abastecer as cargas da edificación auxiliar, habilitado para xerar 4,8 kWh por día no invierno, mentres que no verán a produción ascendería a 11,2 kWh por día. Para almacenar esta electricidade colocáronse baterías cunha capacidade de 13,2 kWh de acumulación total.

Instalouse tamén unha pía para o lavado de calzado, ferramentas e vexetais, un composteiro común, un xardín de plantas aromáticas e tamén se reservou o espazo preciso para crear, nunha seguinte fase, un invernadoiro que tería a función de sementeiro colectivo para as persoas usuarias das hortas urbanas do parque