— O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou o Mercado de Elviña na Coruña con motivo desta celebración que forma parte da campaña internacional Quere o teu mercado (Love your local market)
— O obxectivo é resaltar os valores da compra local e a calidade e a profesionalidade dos mercados galegos
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe o Mercado de Elviña, situado na cidade da Coruña, con motivo do Día do Mercado, que hoxe se celebra en preto dunha trintena de prazas de abastos de toda Galicia co apoio da Xunta.
A celebración do Día do Mercado enmárcase na campaña internacional Quere o teu mercado (Love your local market), que a nivel internacional está organizada pola World Union of Wholesale Markets (Unión Mundial de Mercados Maioristas).
A Administración autonómica súmase a este evento co obxectivo de atraer clientela e promover as vendas nos mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local, así como a profesionalidade e o bo facer dos praceiros e praceiras. Coa colaboración de concellos e asociacións de comerciantes, desenvólvense nos mercados actividades dinamizadoras entre as que se inclúen showcookings, actuacións musicais, sorteos ou actividades para nenos e nenas.
O impulso aos mercados de abastos como motor do comercio local é un dos eixos do apoio ao comercio de proximidade que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.