Está previsto que durante esta xornada de sábado se instalen diversos vinilos de apoio nos exteriores do Palacio dos Deportes de Riazor e a súa contorna
Este domingo, 4 de xuño, o Deportivo inicia a súa andadura no play-off de ascenso a Segunda División. Será no estadio municipal de Riazor, a partir das 19.00 horas e fronte ao Castellón.
Neste sentido, e co obxectivo de sumarse á campaña de apoio ao equipo que se está a vivir estes días nos barrios da cidade, o Concello ten previsto levar a cabo no día de hoxe unha serie de iniciativas para engalanar os exteriores do Palacio Municipal dos Deportes de Riazor e a súa contorna, onde se instalarán diversos vinilos de apoio ao club.
Ademais, e nesta noite de sábado a domingo, a previa á xornada de partido, a fachada do Pazo Municipal iluminarase de azul desde as 22.00 horas e ata a 01.00 da madrugada. A maiores, e xa desde esta mesma mañá de sábado, persoal do Concello está a traballar na disposición de varios centros florais de cores branquiazuis no balcón principal do consistorio municipal.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey quere sumar o seu gran de area, de forma simbólica, para reforzar o sentimento de apoio ao Deportivo neste treito final de tempada. E máis, concretamente, nesta fin de semana, coa posta en marcha das eliminatorias posteriores á finalización do curso regular na Primeira RFEF.
O encontro de mañá en Riazor é o primeiro desta semifinal de play-off a dous partidos, que rematará a vindeira fin de semana, co choque de volta, xa no Nou Estadi Castàlia. Será o domingo 11, a partir das 18.00 horas.