Friday 22 de November de 2024

O concello instalará caudalímetros nos puntos de captación para reforzar medición da auga detraída


Para o financiamento do proxecto, valorado en 17.000 euros, contarase coa colaboración económica da Xunta de Galicia.

O Concello levará a cabo un proxecto dirixido a reforzar os elementos de medición e control dos caudais nos puntos de captación de auga para o subministro das tres zonas principais de abastecemento que existen no termo municipal: a da Laracha (que dá servizo a 4.500 habitantes), a de Paiosaco (1.500 habitantes) e a de Caión (900 habitantes).

A intervención deseñada polo Concello ten por finalidade contabilizar a totalidade da auga detraída nos distintos puntos de captación (río Anllóns e mananciais) por medio da instalación de caudalímetros electromagnéticos, ao tratarse de instrumentos que poden facer a medición sen estar en contacto coa auga.

Deste xeito o Concello realizará as actuacións oportunas en cumprimento da Lei de medidas de garantía de abastecemento en episodios de seca, impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de garantir a prestación adecuada do servizo en cantidade e calidade perante situacións de seca, reducir a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento municipais establecendo normas e medidas para o aproveitamento dos recursos buscando o equilibrio co medio natural e garantir a protección da saúde pública durante situacións que poidan xerar risco no abastecemento ou na subministración de auga para o consumo humano.

O proxecto está valorado en 17.000 euros e para o seu cofinanciamento contarase cunha achega económica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro do Fondo de Cooperación Local.