Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en marcha dúas novas estacións do servizo municipal de BiciCoruña, as situadas no barrio de Someso e na contorna da Mestranza


A previsión do servizo municipal de Mobilidade é que as bases de Novo Mesoiro e O Birloque entren en servizo a finais da vindeira semana

O Concello da Coruña puxo en funcionamento este venres dúas novas estacións do servizo municipal de BiciCoruña, na avenida da Universidade (Someso) e na rúa Mestranza, fronte ao acceso do reitorado da Universidade da Coruña.

Desta forma, e tras completarse os derradeiros traballos de electrificación das bases, así como a instalación do software necesario para a posta en marcha do servizo, as estacións de Someso e A Mestranza pasaron hoxe a estar dispoñibles, incrementando a 45 o número de bases de BiciCoruña xa operativas na cidade.

No referente ás características técnicas de cada base, a estación de Someso dispón de 19 ancoradoiros con cadansúas bases de carga para os vehículos. Está situada fronte ao recinto ferial de Expocoruña e en paralelo ao novo treito de carril bici construído no barrio polo Concello.

Por outra banda, a nova base da Mestranza conta con 19 ancoradoiros e as súas respectivas bases de carga para os vehículos.

As 45 bases activas na cidade están dispoñibles desde as 07.00 da mañá ata a 01.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.

A vindeira semana activaranse as bases de Novo Mesoiro e O Birloque

Os traballos para ampliar a rede de estacións de BiciCoruña cara a todos os barrios da cidade continuará a vindeira semana. Neste sentido, a previsión do servizo municipal de Mobilidade é que as novas bases de Novo Mesoiro e O Birloque entren en funcionamento o vindeiro venres 9 de xuño.

A base de Novo Mesoiro está situada na rúa Illas Sisargas, próxima á rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe. Conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.
No tocante á base do Birloque, dispón de 19 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos. Está localizada na praza Agustín Díaz, lindeira co complexo polideportivo de Elviña.

A renovación e expansión de BiciCoruña levada a cabo polo Goberno de Inés Rey completarase proximamente coa incorporación de 92 novas bicicletas eléctricas que se sumarán as 174 actuais. Ademais, ao longo deste ano licitarase unha nova expansión para poder chegar ás 90 bases en todos os barrios e para elevar a máis de 600 o número de bicicletas eléctricas.