Haberá unha visita guiada e talleres para todos os públicos do 5 ao 11 de xuño
A semana do luns 5 ao domingo 11 de xuño, na que coinciden o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e o Día Mundial dos Océanos (8 de xuño), o Aquarium Finisterrae conmemorará o seu vixésimo cuarto aniversario (inaugurouse o 5 de xuño de 1999) con actividades para concienciar á cidadanía sobre os problemas derivados de contaminar a contorna.
De luns a venres, ás 17.30 horas, os visitantes do acuario coruñés poderán realizar a visita guiada ‘Sinais de alarma’, un itinerario pola sala Maremagnum onde se presentarán e comentarán un variado conxunto de procesos e transformacións ambientais que se están producindo no noso planeta, especialmente en relación coas contornas mariñas. Diferentes módulos e acuarios servirán para abordar cuestións como a acidificación das augas, a contaminación mariña, as especies invasoras, a sobreexplotación dos recursos naturais ou a ruptura dos equilibrios ambientais. Para participar só haberá que aboar a entrada correspondente do Aquarium Finisterrae e presentarse en recepción á hora de inicio.
Obradoiros para público familiar
O sábado 10 e o domingo 11, en horario de 11.30 a 13.30 horas, haberá talleres de arte efémera destinados a público familiar con nenos e nenas a partir de 6 anos. Esta actividade está pensada para concienciar á cidadanía sobre o problema ambiental que é a contaminación dos océanos con plásticos.
A partir dunha diversidade de refugallos recollidos en praias galegas, os participantes poderán crear pequenas esculturas de peixes e outros animais mariños, tanto reais como imaxinarios. Os obradoiros estarán guiados polo colectivo Retoque Retro e a Asociación Mar de fábula. Se as persoas participantes deciden doar as súas creacións artísticas, sumaranse ao banco de seres mariños que adorna a entrada da sala Humboldt de exposicións temporais. Para participar nesta actividade hai que realizar unha reserva previa na páxina web dos Museos Científicos Coruñeses, a partir das 10.00 horas do mércores día 7 de xuño, e aboar a entrada correspondente ao chegar ao acuario. Os talleres teñen unha capacidade máxima diaria de 30 persoas.