Friday 22 de November de 2024

O BNG inicia unha ronda de contactos para “abrir un tempo novo” en Ribeira


A asemblea do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira reuniuse este xoves día 1 de xuño para analizar os resultados electorais e explorar vías de acordo.

A militancia do BNG valorou positivamente o amplo respaldo acadado nestes comicios. O responsable local, Xabier Vidal, deulle as grazas á veciñanza “por situarnos como segunda forza no municipio e principal alternativa ao goberno actual”.

Un tempo novo
Trala análise dos resultados, acordouse, por unanimidade, inciar unha rolda de contactos cos distintos grupos políticos para propiciar un cambio de goberno co que “abrir un tempo novo”.

O portavoz, Luís Pérez Barral, declarou que “os resultados das votacións demostran que existe unha maioría opta polo cambio en Ribeira”.
Nese sentido, no BNG asumen ese mandato popular con xenerosidade, humildade e lealdade para tratar de chegar a un entendemento frutífero cos grupos.

“Imos tender a man aos grupos para falar do que nos une, antepoñendo os intereses da veciñanza ribeirense por riba de todo” aseverou Barral.

“Traballaremos arreo, xunto con todo o equipo e cos distintos grupos que decidan abrir ese tempo novo de cambio en positivo e de esperanza que Ribeira precisa”.