O pintor Baldomero Moreiras réndelle homenaxe coa mostra ás mulleres que deixaron pegada en diferentes campos das artes
A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde hoxe ata o próximo 2 de xullo a exposición “Ecos das Amazonas”, coa que o artista ourensán Baldomero Moreiras lle rende a súa particular homenaxe ás mulleres que deixaron unha especial pegada en diferentes campos das artes, da cultura e da política.
A exposición, que abre as súas portas ás 19.30 horas, presenta a un grupo moi representativo de mulleres que ao longo da historia deixaron a súa pegada en campos tan diversos como a música, a arte, a ciencia, a literatura ou a política.
Dende Inés de Castro, Zara Hadid ou María Casares, o autor amosa a súa admiración polo labor destas mulleres a través dunhas esferas que representan a cada unha delas. De feito, as esferas de distintos formatos, empregadas como base da súa narración plástica, danlle un xogo cadencioso, que vai levando de obra en obra o alento das creadoras e permiten trocar o deseño bidimensional tradicional pola estrutura tridimensional Moreiras, xogando na súa produción co binomio da figuración e da abstracción, conforma unha sorte de universos paralelos de mulleres excepcionais, erguendo o que el chama un “retablo” evocador. Desde unha interpretación persoal, cun vocabulario xestual matizado polo seu particular cromatismo retrata a máis de trinta mulleres como Hipatia de Alexandría, Inés de Castro, Isabel Barreto, Artemisa Gentileschi, Maddalena Casulana, Camille Claudel, María Casares, Georgia O’Keeffe, Teresa León, Maruja Mallo ou Zara Hadid.
Precisamente a esfera coa que retrata a María Casares será unha doazón do autor ao Concello da Coruña e quedará depositada na Casa Museo Casares Quiroga.
Abrirá a mostra esta tarde Merceces Rozas, seguida pola presentación do retrato de Alejandro Viana a cargo de Roberto Mera e pechará o acto de apertura o guitarrista Tomás Camacho, que interpretará varias pezas musicais, entre elas “Negra Sombra”.
O horario de visita establecido é de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00, de martes a sábado, e de 12.00 a 14.00, domingos e festivos.