Friday 22 de November de 2024

A mesa educativa e sanitaria contra a violencia de xénero propón ampliar o programa “Murais pola Igualdade”


Tamén se analizaron os obradoiros de prevención realizados e expuxéronse propostas para o próximo curso escolar.

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión no Salón de Plenos na que participaron representantes do Concello, dos catro centros de ensino do termo municipal e do centro de saúde da Laracha.

Unha das cuestións máis relevantes entre as abordadas na reunión foi a valoración das actividades de prevención das malas condutas levadas a cabo ao longo do ano nos colexios e no instituto, así como realizar propostas de contidos para os obradoiros que se organizarán no próximo curso escolar. Neste sentido, aprobouse que a enfermeira de pediatría do centro de saúde realizará unha formación individualizada co alumnado dos colexios en materias afectivo sexual e tamén específica en primeiros auxilios, para as que o Concello achegará o material necesario.

Ademais, salientouse o éxito da iniciativa municipal Mural pola igualdade realizada nos CEIPs Otero Pedrayo e Alfredo Brañas, e prevista para o CEIP de Caión e o IES Agra de Leborís a partir de setembro. Os membros da mesa acordaron levar a cabo este programa noutros edificios públicos, non só nos centros de ensino, tamén a cargo do alumnado dos colexios e do instituto.

Por outra banda, acordouse que os profesionais dos diferentes sectores (centro de saúde, centros de ensino e departamento de Servizos Sociais do Concello) reciban unha formación sobre a posta en marcha dos protocolos municipais desde un punto de vista xurídico ante a detección de posibles casos de violencia de xénero.

O Concello reitera o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas de traballo pola súa total disposición para cooperar xuntos na loita contra a violencia de xénero.