Saturday 16 de November de 2024

Aberto ata o 15 de xuño o prazo para presentar ofertas á licitación para a restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar


Esta actuación, cofinanciado polo FEDER 2014-2020 (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA), prevé o acondicionamento de 12.050 metros cuadrados, dos que 10.000 corresponden ao ámbito sur, ríos Sar e Vilar; e 2.050 metros cadrados, ao ámbito norte, río Sarela. O obxectivo fundamental desta operación é a recuperación deste espazo natural e a súa rehabilitación para o uso e desfrute da cidadanía.

A actuación conta cun orzamento básico de licitación de 341.590,13 euros e o prazo para presentar ofertas está aberto ata o 15 de xuño ás 23.59 h.

O ámbito de actuación comprende o acondicionamento e restauración ambiental dun espazo situado baixo o viaduto da AC-543 (avda. de Xosé Filgueira Valverde) sobre o río Sarela, en Vidán, que se divide en dúas zonas: ámbito sur (Sar e Vilar), entre o xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha Forte e o tramo do Camiño portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha; e o ámbito norte, que comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, aos dous lados do río Sarela.

O obxectivo principal é a restauración da contorna dos ríos Sarela, Sar e Vilar, contribuíndo así ao Vector Estratéxico Patrimonial da EDUSI, mediante a mellora da accesibilidade do seu entorno inmediato e da súa calidade ambiental. Os traballos enmárcanse dentro da Liña de Actuación LA 7, destinada á recuperación e promoción do patrimonio natural.

Entre os obxectivos concretos deste proxecto figuran, ademais da recuperación ambiental; a solución dos problemas de accesibilidade mediante sendas e pontes; a creación de zonas de lecer e descanso; e a implantación de recursos de comunicación para contribuír á revalorización do espazo a recuperar.

A proposta do ámbito norte consiste en crear unha conexión entre a rúa superior e o río mediante unha serie de espazos de estancia e cunha pequena ponte peonil que conecte coa outra beira.

En canto ao proxecto do ámbito sur, inclúe as seguintes actuacións: o acondicionamento da zona situada entre a entrada ao xacemento da Rocha Forte e a vía férrea; a creación dun pequeno aparcadoiro de servizo no terreo municipal situado entre a rúa do Piñeiro e a vía férrea; o acondicionamento do paso subterráneo baixo a vía do tren; o acondicionamento da carballeira situada ao oeste do xacemento arqueolóxico; a construción dunha senda peonil, próxima ao curso do regato do Vilar, entre o paso subterráneo e o río Sar; a construción dunha pasarela peonil para o paso sobre o Sar, xunto á súa confluencia co regato do Vilar; a continuación da senda, paralela ao Sar, ata atoparse co Camiño de Santiago Portugués; a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar, na zona comprendida entre a vía férrea e o encontro co Camiño Portugués.

O primeiro tramo da senda, que continúa o camiño existente entre o aparcadoiro da rúa do Churruchao e a entrada ao castelo, conduce ao túnel que pasa por baixo da vía férrea. O acceso ao túnel realízase mediante unha escaleira de catro tramos que aproveita o noiro existente, sen afectar ós restos da muralla.

O pavimento da zona do interior do túnel será de formigón en cor gris. Na parte superior suspenderase un falso teito formado por pezas de chapa de aceiro encartada, que conduza a auga que penetra polas xuntas do prefabricado cara aos laterais. As paredes terán un tratamento similar ao do teito, cun trasdosado con paneis de aceiro encartado, nos que se integrará a iluminación. As chapas pintaranse con pintura férrica negra.

Os tramos da senda peonil construiranse cun pavimento de saburra estabilizada, utilizando áridos seleccionados de tonalidade ocre amarela. A intervención complétase co tratamento vexetal das zonas adxacentes ao carreiro así como a plantación de árbores autóctonas nos puntos nos que a recuperación do bosque de ribeira o requira.

Os paneis informativos construiranse con aceiro, con deseños emparentados cos do xacemento, de modo que a través da súa formalización establézase un fío condutor que percorra toda a senda.

No ámbito norte instalarase unha maqueta de bronce. No ámbito sur (Sar-Vilar) instalaranse cinco paneis para facilitar ao visitante a comprensión deste espazo a recuperar.

O proxecto de “Restauración do entorno dos ríos Sarela, Sar e Vilar” enmárcase dentro da operación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo á dotación económica municipal.