O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, recibiu na Casa do Concello ao embaixador de Cuba en España, Marcelino Medina. No encontro, o embaixador agradeceu a cooperación prestada historicamente polo Concello de Oleiros así como o recente envío de diverso material á illa.
Para cooperar coa República de Cuba, que está a sufrir unha situación moi adversa debido ás terribles consecuencias do criminal bloqueo económico perpetrado por Estados Unidos, o Concello enviou recentemente diverso material procedente de distintas administracións públicas de Galicia. O envío está composto por material de cociña diverso, luminarias, báculos, mobiliario público, material informático, material escolar, material sanitario…
A entidade Awen Worldwide, destacada colaboradora pola súa axuda e apoio ao pobo cubano, asumiu os custos de traslado e loxística de todos os recursos que se enviaron. Tamén participa nesta campaña a ONG Solidariedade Galega.
O material púxose a disposición do Goberno Provincial do Poder Popular da Habana para fins de interese social na República de Cuba.