Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño investirá preto de 250.000 euros na mellora da eficiencia enerxética do edificio anexo ao Pazo e nun sistema de detección de perdas na rede de abastecemento


Os proxectos cofinanciaranse con 186.000 euros procedentes dunha achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local

A Xunta de Galicia habilitou a comezos deste ano unha partida extraordinaria do Fondo de Cooperación Local dirixida a municipios que, coma San Sadurniño, teñen unha poboación inferior as 15.000 habitantes. A orde que regula as achegas establece que os investimentos financiables han de estar centrados na mellora da eficiencia enerxética, na compra de maquinaria e equipamento ou na modernización e mellora das redes de abastecemento municipal. Neste sentido, o Concello de San Sadurniño presentou á convocatoria dúas actuacións cifradas nun total de 248.800 euros para as que se obtiveron 186.000 euros de axuda: 140.000 para a renovación da envolvente do edificio anexo ao Pazo, onde se encontra a EIM A Rolada e o Centro de Empresas, e outros 46.000 euros para a instalación de contadores intelixentes nas conducións principais do abastecemento municipal, neste caso co obxectivo de detectar de forma remota as zonas onde se estean producindo perdas.

O proxecto da mellora da envolvente do edificio anexo busca, en primeiro lugar, reducir o consumo enerxético destas instalacións, ademais de eliminar os problemas de humidades interiores detectados desde que en 2014 se acometese a rehabilitación integral do inmoble para reconvertelo en escola infantil e en centro de emprendemento.

As especificacións técnicas, a grandes trazos, recollen o illamento térmico exterior con paneis ríxidos de poliestireno fixados á fachada que logo irán recubertos con morteiro acrílico de cor branca. A solución, ademais de minimizar as perdas enerxéticas tamén servirá para corrixir pequenas filtracións que se producen desde o recebo exterior do edificio, dedicado durante anos a aloxamento e colexio pola extinta congregación relixiosa das Hijas de Cristo Rey.

No proceso de renovación daráselle un aspecto máis moderno a esta parte do complexo municipal, sempre de acordo coas especificacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia dada a proximidade do Pazo consistorial, suxeito a protección.

As actuacións de mellora enerxética comprenden tamén a instalación de celosías nos ventanais que regulen a radiación solar e un zócalo de granito para que a parte inferior do edificio funcione como unha fachada ventilada. No interior, por último, o inmoble levará unha caldeira de biomasa en substitución do sistema do actual de calefacción, alimentado con gas. O cambio pretende aforrar custes en termos económicos e ambientais, xa que se prevé unha importante redución nas emisións de CO².

A memoria presentada polo Concello á convocatoria extraordinaria do Fondo de Cooperación Local cuantifica o investimento en 199.512,69 euros, impostos incluídos. 140.000 euros cubriranse coa achega autonómica, mentres que os 59.000 restantes serán financiados con fondos municipais, aínda que se agarda que esta contía se vexa reducida en maior ou menor medida nas ofertas das empresas que se presenten á licitación das obras.

Control máis preciso da rede de abastecemento
Con cargo ao FCL, o Concello tamén obtivo unha axuda de 46.000 euros encadrados na liña 3 da orde da Xunta, dirixida a melloras e equipamentos da rede de abastecemento. A Administración local presentou neste caso un proxecto orzamentado en 49.355,57 euros co que se instalarán equipamentos de medición nos ramais do sistema de condución da auga municipal. Os dispositivos tomarán constantemente datos de caudais nas tubaxes principais, reflectindo de maneira remota e en tempo real gráficas do consumo xeral de cada sector.

“Se vemos que, por exemplo, unha das canalizacións ten un consumo elevado a altas horas da madrugada, o máis seguro é que se deba a unha rotura pola que se estea vertendo auga no subsolo, aínda que nos domicilios non o noten. Os equipos que se van instalar en distintos puntos da rede permitirannos ir a tiro fixo onde estea a incidencia e corrixila no menor tempo posible e tamén con custes máis axustados”, explica Secundino García.

O alcalde en funcións engade que esta actuación se encadra, igual que a do edificio anexo, na posta en práctica dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2020-2030 da ONU, que o consistorio asumiu cumprir a principios do ano pasado, varios deles relacionados co aforro enerxético, a redución de emisións e a xestión responsable dos recursos hídricos.