Saturday 16 de November de 2024

Novidades da Escola de Música de Lousame


Medio cento de rapaces e rapazas se inscribiron no novo curso 2015-2016

Preto dun cento de veciños e veciñas de Lousame encheron o salón de actos da Casa da Cultura para asistiren á presentación das novidades do Curso 2015-2016 da Escola de Música de Lousame. Un acto presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e polo xerente da nova empresa concesionaria da Escola de Música de Lousame, Daniel Figueira Bello.

Teresa Villaverde explicou que precisamente o procedemento legal para a adxudicación deste servizo foi o que motivou o atraso no inicio do curso, que aínda así manterá os seus oito meses de duración (de 16 de novembro a 16 de xullo). A alcaldesa de Lousame amosouse convencida de que “este proxecto é o que máis nos gustou de todos os que se presentaron, tanto polo nivel do profesorado como polas actividades especiais que se ofrecen, que fomentan a integración da Escola e dos seus alumnos na sociedade lousamiana”.

Así, Daniel Figueira explicou que entre esas actividades figuran unha saída didáctica dos rapaces a ver un concerto dunha banda profesional de Galicia, que terá lugar en xaneiro. Ademais, en abril de 2016 está prevista a participación da Banda Xuvenil de Lousame no Festival de Bandas Xuvenís de Cambados. Para o mes de maio, “os mestres e os alumnos da Escola de Música imos sacar a música á rúa. Imos facer concertos polas parroquias e tamén faremos concertos didácticos no colexio, que é algo que nos solicitaron dende o propio centro”, explicou Figueira Bello.

Outra das novidades para este curso será o Campamento Musical que se desenvolverá durante as mañás do mes de xullo, concretamente entre o 11 e o 16 de xullo e que servirá para poñer o punto e final ao curso. Un curso que incluirá tres audicións musicais dos rapaces e abertas ao público: o 19 de decembro (Audición de Nadal), o 19 de Marzo (Audición de Primavera) e 9 de xullo (Audición de fin de curso). “Nas audicións de decembro e xullo serán actuacións individuais, pero na de Primavera imos facer algo diferente e os rapaces e rapazas actuarán en grupos, para que vaian aprendendo o que é tocar con outras persoas”, indicou Daniel Figueira.

Materias e profesorado

A reunión de onte domingo, que rematou cun pequeno concerto a cargo dos distintos profesores da escola, serviu tamén para que as familias puideran escoller cos mestres os horarios que máis lles conviñan para as clases de instrumento deste curso. Un ano no que a Escola de Música de Lousame ofrecerá como disciplinas: Música e movemento, catro cursos de Linguaxe musical e dúas novidades: Educación Auditiva e Educación Vocal, o que se agarda que sexa a orixe dun coro. As clases da Banda de Música Xuvenil terán lugar os sábados pola tarde.

As clases de Música e movemento, dirixidas a nenos e nenas entre 3 e 6 anos, serán impartidas por Lorena Núñez, licenciada en psicopedagoxía e diplomada en Educación Social. Os nenos e nenas lousamianos poderán asistir a sesións de psicomotricidade, ritmo, entoación, educación auditiva, relación co grupo e mesmo aulas en inglés.

A Escola de Música de Lousame contará cun profesorado de prestixio, todos eles titulados superiores: Silvia Camino Saco, conservatorio superior de Vigo (Oboe); Miguel Vicente García, do Koninklijk Conservatorium de A Haia (Frauta); Roberto Sánchez Barreiro, master Swedish National Orchestra Academy Gotemburgo (Clarinete); Pablo Vigo Cascallar, master Haute École de Musique Lausanne (Saxofón); Daniel Figueira Bello, conservatorio superior de Asturias (Trompa); Alberto Xesús Busto Castaño, conservatorio superior de Vigo (Trompeta); David Dapena Cordo, conservatorio superior de Castela e León (Percusión); Daniel Alborés Vázquez, conservatorio superior da Coruña (Guitarra); e Fernando Froján Canle, conservatorio superior da Coruña (Trombón, Bombardino, Tuba e Piano), quen tamén se encargará da Banda de Música Infantil e Xuvenil.

Prezos e bonificacións

As clases terán unha duración de oito meses e os prezos por alumno e mes serán: 35 euros polas ensinanzas de instrumento, 20 euros por linguaxe musical e 20 euros por música e movemento. Tamén haberá unha cota de 40 euros/mes polas ensinanzas conxuntas de linguaxe musical, instrumento e conxunto musical. As familias terán dúas modalidades de pago: pago completo do curso (liquidación que deberán achegar este mes de novembro) ou pago por cuadrimestre (cuxos pagos se realizarían en novembro e febreiro).

O Concello de Lousame establece catro tipo de bonificacións ou descontos: unha bonificación do 25% da tarifa para segundos e sucesivos irmáns matriculados en cada unha das escolas musicais, bonificación do 25% para os usuarios que teñan a cualificación de profesional ou sexan membros da bandas de música (e participen nas actuacións que se organicen), bonificación do 50% para usuarios empadroados en Lousame que acrediten unha renda per cápita da unidade familiar igual ou inferior ao IPREM mensual e bonificación do 25% da tarifa para os alumnos que sexan membros das redes de voluntariado do Concello de Lousame.