A Unión Deportiva e Cultural Narahío vai celebrar este sábado 3 de xuño o seu medio século de vida como equipo de fútbol federado. Será cun grande xantar de confraternidade entre xogadores -de antes e de agora-, persoas que veñen colaborando coa entidade desde a súa fundación, veciñanza da parroquia e toda aquela xente que quixo sumarse ao aniversario da escuadra amarela. Segundo o club, ao peche das inscricións -o pasado día 29- recibiran 380 reservas para unha xornada de festa.
O aniversario arrancará ás 13:30h coa recepción de asistentes e cunha pequena sesión vermú que se prolongará até as 15:00h, intre no que se empezará a servir un xantar composto por paella, tenreira asada, bebida, sobremesa e café.
A organización anuncia que ao longo da tarde haberá soteos de agasallos “e outras sorpresas”, ademais da animación musical do Dúo Kaykuba e dunha discoteca móbil para quen queira estirar a cousa ata ben entrada a noite.
O evento desenvolverase este sábado 3 de xuño baixo unha carpa que se instalará na pista polideportiva da Veiga, ao pé dun campo de fútbol que leva máis de cincuenta anos sendo testemuño de grandes tardes deportivas e de múltiples vicisitudes e esforzos para soster o equipo.
O Narahío como tal empezou a xogar a finais dos anos sesenta do século pasado como formación modesta que acabaría entrando en 1973 na disputa das competicións zonais xa como equipo federado. Os primeiros anos foron tempos de lama no campo da Veiga, conseguido pouco antes por suscrición popular e cesións de pezas de terra ata xuntar os terreos necesarios, aínda que non sería ata 1974 cando o club se converteu en propietario.
Logo virían a construción duns rudimentarios vestiarios, a cantina, a instalación da iluminación, o peche do recinto, a construción da pista polideportiva e duns novos vestiarios e, finalmente, a demolición do vello ambigú para erguer, xa ben entrado este século, o novo local compartido coa AVV O Castelo.
Nos seus 50 anos de historia como equipo federado o Narahío sempre estivo aí, unhas veces na parte baixa da táboa, outras na metade e en non poucas ocasións tamén na parte alta das categorías en que participou -chegou a xogar a final dunha Copa da Ría a mediados dos 90-, tal e como certifica a morea de trofeos gardados nas súas vitrinas.
Nesta temporada 2022-23, unha das máis exitosas, a UDC situouse entre as catro aspirantes ao ascenso a Primeira Autonómica. O Perlío, primeiro de grupo e con praza directa, truncou as posibilidades de promoción o pasado 14 de maio nun apaixoante encontro disputado na Veiga que rematou 3-4.