Friday 22 de November de 2024

Neda incorpora a dous peóns para facer rozas e traballos forestais con cargo ao Aprol Rural


Comezan a traballar as dúas persoas contratadas polo Concello de Neda con cargo ao plan de fomento do emprego Aprol Rural 2023.

Tratase dun peón e máis dunha peoa que realizarán nos próximos meses traballos de roza e máis labores de prevención de lumes.

Co apoio económico da Consellería de Promoción do Emprego, que outorgou subvención de 27.940 euros, a administración local puido incorporar a estes traballadores, en situación de desemprego e con especiais dificultades de acceso ao mercado laboral.

Segundo establece o proxecto municipal subvencionado, a cuadrilla ocuparase da realización de tarefas de roza en vías e espazos públicos, labores de prevención de incendios nas faixas secundarias; limpeza de montes e accións destinadas a recuperar itinerarios naturais. A experiencia e práctica que acumulen durante os próximos meses contribuirá a facilitar a posterior inserción destes profesionais no sector forestal.